InicioOccidentalCervoCervo destina 20.000 euros á Asociación Saúde Mental A Mariña

Cervo destina 20.000 euros á Asociación Saúde Mental A Mariña

A rexedora formalizou coa asociación un novo acordo “co fin de asegurar a calidade do servizo e impulsar novas iniciativas en beneficio das persoas que o precisan”

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Cervo reforza a súa colaboración coa Asociación Saúde Mental A Mariña, destinando unha partida anual do orzamento municipal a apoiar o labor desta entidade.

A rexedora, Dolores García Caramés, mantivo un encontro coa Directora Xeral Técnica da asociación, María José Nóvoa, e co presidente, Jorge Manchado, no que se formalizou a sinatura dun convenio de colaboración que supón unha achega nominativa de 20.000 euros. Esta contribución permitirá á entidade garantir a calidade dun servizo que resulta fundamental tanto para as persoas usuarias como para as súas familias, ao tempo que se pon en valor o intenso traballo que desenvolven para favorecer a integración das persoas con doeza mental a través dunha atención integral.

Ademais, a rexedora lembrou que a colaboración entre o Concello de Cervo e Saúde Mental A Mariña é constante ao longo do ano, exemplificada en iniciativas como o programa Arruguiñas, no que a entidade participa ofrecendo talleres terapéuticos que contribúen ao benestar emocional e á mellora da calidade de vida das persoas maiores do municipio. Estes obradoiros reforzan o vínculo entre ambas as institucións e poñen de manifesto o compromiso compartido coa saúde mental e co apoio comunitario.

A alcaldesa salientou tamén a comunicación constante e fluída que existe entre o Concello e a asociación, asegurando que “traballamos sempre coordinados para atender, na medida do posible, ás súas necesidades, porque a saúde mental é un asunto que debe preocuparnos e ocuparnos a todos”.

Apuntou ademais que apoiar a esta entidade “é apostar por un recurso esencial e lanzar unha mensaxe clara: a saúde mental importa, e moito. Investir en saúde mental é investir no futuro da nosa comunidade”.

Tamén destacou o labor profesional e humano que se desenvolve desde as dúas unidades residenciais que Saúde Mental A Mariña ten en Cervo, “espazos seguros nos que se consegue crear un forte sentido de comunidade”. O traballo da entidade contribúe a fomentar a comprensión social e a derrubar tabús e silencios que aínda rodean estas cuestións.

García Caramés concluíu que esta achega económica “permitirá reforzar as iniciativas que xa están en marcha e abrir novas vías de apoio para as persoas que o precisen. Non é só un compromiso financeiro, senón tamén unha mostra clara do recoñecemento ao papel vital que desempeñan, avanzando cada día na loita contra o estigma da saúde mental.

ÚLTIMAS

Centos de persoas reclaman en Viveiro unha mellor sanidade pública e presentan 6.000 sinaturas de apoio

Centos de persoas --segundo os convocantes-- volveron a saír ás rúas de Viveiro para...

Arquivada a investigación sobre os vídeos de mulleres ouriñando na Maruxaina por falta de “indicios criminais”

O Tribunal de Instancia de Viveiro, praza nº1, acorda o sobresemento provisional da causa...

Dous feridos nun accidente entre dous vehículos en Foz

Dúas persoas resultaron feridas e unha delas tivo que ser excarcerada...