O Concello de Cervo está a executar estes días unha renovación integral da Rúa Rosalía de Castro, en pleno centro de San Cibrao, unha actuación prioritaria orientada a ampliar os espazos peonís, mellorar a accesibilidade e renovar o firme da calzada, incrementando así a seguridade e o confort tanto para peóns como para vehículos.
A intervención na rúa céntrase na ampliación das beirarrúas do lado contiguo ao xardín, coa finalidade de acadar un ancho suficiente que permita a circulación peonil en condicións adecuadas de seguridade. No lado oposto da vía procédese á renovación do pavimento das beirarrúas existentes, mantendo o seu ancho actual. Todas as beirarrúas execútanse con adoquín de formigón, logrando unha imaxe uniforme e acorde coa recentemente renovada Rúa Concepción Arenal.
No que respecta á zona de tráfico rodado, a actuación consiste nunha rehabilitación superficial da calzada, que inclúe o fresado do pavimento bituminoso existente nun espesor de 5 centímetros e a posterior execución dunha nova capa de rodadura, mantendo as rasantes e pendentes actuais.
Os traballos complétanse coa renovación da sinalización horizontal, a posta a cota das tapas de pozos e arquetas, a reposición do mobiliario urbano afectado, como vados, contedores e sinalización vertical, así como con intervencións puntuais nas redes de saneamento e abastecemento que se atopaban en mal estado e coa adaptación de sumidoiros pola ampliación das beirarrúas e a renovación do alumeado público.
A alcaldesa de Cervo, achegouse a supervisar os traballos, acompañada da concelleira Mali Méndez e do edil, Adrián Arias, e destacou que “a Rúa Rosalía de Castro é unha das vías máis importantes do centro de San Cibrao e esta actuación é fundamental para nós para gañar espazo para os peóns e mellorar a seguridade e a accesibilidade”, e subliñou que “este tipo de obras permiten modernizar o noso núcleo urbano e adaptalo ás necesidades da veciñanza, apostando por un modelo de vila máis cómoda, sostible e humanizada”.
Así mesmo, destacou que “non se trata só dunha mellora estética, senón dunha actuación de fondo que permite renovar integramente pavimentos, beirarrúas e infraestruturas afectadas tamén xa polo paso do tempo”, subliñando que “se está a actuar con planificación, aproveitando os recursos municipais para dar solucións integrais e duradeiras”.
A rexedora concluíu afirmando que “seguimos a investir na mellora dos espazos públicos porque é investir en calidade de vida, accesibilidade e seguridade para a veciñanza de Cervo”. As obras contan cun investimento total de 302.185 euros, que engloba tamén a renovación da Rúa do Farillón, procedentes integramente do remanente municipal.
