Concello de Cervo iniciou a rehabilitación da antiga Escola Unitaria de Rúa, cunha superficie de 226 m², co obxectivo de transformala nun local cultural. O proxecto, financiado parcialmente mediante unha subvención da Xunta de Galicia, supón un investimento de case 50.000 euros.
As obras inclúen a mellora da envolvente do edificio mediante trasdosados con illamento de lana mineral, pintura de calidade e renovación de revestimentos, garantindo así confort térmico e lumínico. Ademais, instalaranse sistemas de ventilación con recuperador de calor e iluminación LED, incluíndo emerxencias, que optimizan tanto a eficiencia enerxética como a seguridade do espazo.
A alcaldesa de Cervo, achegouse a supervisar os traballos acompañada do concelleiro, Adrián Arias e destacou que “esta actuación non só recupera un edificio histórico do noso municipio, senón que tamén crea un espazo de encontro para a veciñanza e un punto de referencia para actividades culturais. Apostar polos locais sociais é fundamental para manter viva a vida comunitaria nas nosas parroquias”.
Con esta iniciativa, o Concello de Cervo aposta por poñer en valor espazos históricos e culturais, creando lugares de reunión e encontro que resultan especialmente importantes nas zonas rurais, onde estas oportunidades de convivencia e actividades culturais fortalecen a vida comunitaria e manteñen activa a socialización do municipio.
Cabe destacar que esta intervención forma parte dunha aposta continuada do Concello, que destina fondos públicos para mellorar de forma paulatina cada local social en cada burgo e parroquia, entendendo o seu papel dinamizador e como lugar de encontro da veciñanza.
