O Concello de Cervo vén de abrir o prazo de solicitude de axudas para a adquisición de libros e material escolar para as familias do alumnado de Educación Infantil (2º ciclo) dos dous centros do municipio nos que se imparte este ciclo educativo, o CEIP Península da Paz e o CEIP de Cervo.
A convocatoria permanecerá aberta ata o 17 de outubro –incluído-.
Cada impreso de solicitude deberá ir acompañado das fotocopias do DNI dos membros da unidade familiar, unha fotocopia do libro de familia, certificado do nivel de renda e factura da compra ou orzamento do material adquirido nun establecemento comercial do municipio. A documentación ten que presentarse no Rexistro Xeral do Concello.
Os impresos e as bases están dispoñibles na Casa da Cultura e no Concello de Cervo e tamén no taboleiro de anuncios da páxina web municipal https://cervo.sedelectronica.es/board/.
Tal e como apuntou a alcaldesa, Dolores García Caramés, apoiar ás familias é sempre unha das nosas prioridades, e “por iso volvemos poñer en marcha estas axudas para a compra de material escolar xa que somos conscientes de que o inicio do curso supón un custo importante, e con esta convocatoria queremos contribuír a aliviar esa carga económica animando tamén ás familias a que realicen as súas compras no comercio local, porque así apoiamos ao mesmo tempo a economía do noso concello”.
