O Conxunto Histórico‑Artístico de Sargadelos acollerá unha carreira de montaña no marco das tradicionais Festas de Sargadelos.
O Trail Sargadelos 2025, organizado polo Concello de Cervo e a asociación Amigos da Troula, celebrarase no incomparable marco do Conxunto Histórico‑Artístico de Sargadelos como parte da programación oficial das Festas de Sargadelos 2025.
A cita deportiva combinará natureza, historia e esforzo físico nun circuíto que atravesará lugares emblemáticos desta contorna espectacular.
As modalidades e horarios das probas son as seguintes:
Andaina: saída ás 9:30 h
Carreiras infantís nas diferentes categorías: a partir das 9:35 horas
Trail absoluto: saída ás 10:15 h
A recollida de dorsais realizarase de 8:45 a 10:00 h o día da proba.
As inscricións están abertas ata o 25 de xullo a través da plataforma www.sportmaniacs.com e a proba forma parte do circuíto de carreiras Duacode Run Foz Run 25.
Desde o Concello de Cervo e Amigos da Troula, animan a formalizar a inscrición destacando que esta proba é unha oportunidade única para gozar dunha experiencia deportiva en contacto coa historia e a natureza de Sargadelos: “Queremos que Sargadelos sexa un punto de encontro entre a nosa historia e o presente, un espazo onde celebrar, correr e compartir”.
TENIS DE MESA: VI TORNEO MARUXAINA
O Pavillón da Veiga, en San Cibrao, será o escenario este próximo sábado, 26 de xullo, do VI Torneo Maruxaina de Tenis de Mesa, organizado polo Club Deportivo San Ciprián en colaboración co Concello de Cervo.
A cita foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, polo coordinador da sección de Tenis de Mesa do CD San Ciprián, Fernando Fernández, e polo xogador local Estéfano Berruezo.
A competición contará con medio cento de participantes procedentes de diferentes clubs de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela a Mancha ou Italia. Está previsto que comece ás 10:00 horas e prolongarase durante toda a xornada do sábado. Haberá trofeos para os catro primeiros clasificados.
A alcaldesa apuntou que é unha grande satisfacción para nós acoller unha vez máis o Torneo Maruxaina de Tenis de Mesa, da man do Club Deportivo San Ciprián. Este evento xa se consolidou como unha cita deportiva imprescindible no noso calendario local estival, non só polo seu nivel competitivo, senón tamén polo ambiente de convivencia, deporte e participación que promove.
