InicioOccidentalCervoRamiro Chaves: «Xosé Vizoso deixou unha pegada cultural e artística moi forte...

Ramiro Chaves: «Xosé Vizoso deixou unha pegada cultural e artística moi forte en Cervo»

A Asociación A Fervenza presentou a iniciativa de dedicarlle unha rúa ao deseñador e artista vinculado a Sargadelos e a Cervo, Xosé Vizoso. Xa se presentou a petición ao Concello de Cervo e toca agora ver cal será a decisión. Por outra parte, as asociacións A Fervenza, Fol do Raxal e Marmeladas a Morena organizan a IX Foliada de Cervo, unha cita que reunirá diversas actividades esta primeira fin de semana de maio.

Publicada o

- Advertisement -

-Que motivos expón a Asociación Fervenza para solicitarlle ao Concello de Cervo dedicarlle unha rúa a Xosé Vizoso?

Foi unha decisión que tomamos desde a xunta directiva da asociación logo do pasamento de Xosé Vizoso. El sempre foi unha persoa moi vinculada tanto ao concello como á vida de Cervo, fixo vida e familia aquí, e sempre que viña nos últimos tempos sempre deixaba pegada. Á parte, Vizoso tivo un forte impacto cultural e artístico en Sargadelos e levou este nome por todos os lugares por onde pasou. Por iso, consideramos que debido aos seus lazos con este municipio debería ter este recoñecemento por parte das institutcións e esperamos que se materialicen.

-Como describirías ese legado de Vizoso e como cres que quedou impreso en Cervo?

Queremos que a súa figura era sobranceira dabondo para pedir unha rúa co seu nome. Para iso falamos coa familia e a eles pareceulles unha boa iniciativa e estarían encantados de que se materializase. Por outra parte, Vizoso era quen deseñaba os cartaces da Queimada de Cervo e outros traballos para concellos do arredor. Mais a pegada importante deixouna no laboratorio de formas de Sargadelos. Por todo isto, cremos que merece este recoñecemento.

-Tedes pensado algunha rúa en concreto?

Temos unha idea, mais na solicitude non a puxemos, tampouco sabiamos como formulalo. Polo de agora falámolo entre nós e desde as institucións non dixeron nada, pois esta proposta foi presentada o 28 de abril. En tal caso, temos unha idea: a rúa que vai desde Paraño até Sargadelos, chamada “estrada de Sargadelos”.

-A Asociación Fervenza xunto con Fol do Raxal estades tamén detrás da IX Foliada de Cervo. En que vai consistir esta foliada e que novidades aporta este ano?

Ademais da Asociación Fervenza e Fol do Raxal tamén está Marmeladas A Morena en colaboración co Concello e coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O programa está cheo de actividades como obradoiros de baile pola mañá. Este ano temos a novidade dunha ruta con Guido Guía, unha ruta que se chama “Coñecendo Cervo”, é a primeira vez que facemos este tipo de actividade. Logo haberá unha sesión vermú e pola tarde haberá sesións de obradoiros, pandeireta e cantos e obradoiros para nenos pequenos, xogos tradicionais e populares a través de Xogando nas Nubes, algo que levamos facendo desde hai uns anos. Ás seis da tarde comeza a foliada en si, con grupos tocando no escenario, entre eles o concerto de Ailá. Remataremos cunha queimada popular e logo foliada até que a xente aguante.

-Un traballo repartido entre as tres asociacións, polo que se entende.

É así. Por exemplo, Marmeladas a Morena ocúpase máis do que é a artesanía. Fervenza e Fol levamos máis o tema dos obradoiros e a música tradicional.

-Isto será na Praza do Souto, é sempre no mesmo lugar ou queredes rotar de sitio?

Sempre foi na Praza do Souto e esperamos que siga sendo así.

ÚLTIMAS

Mario Pillado: “Os que temos obrigas públicas debemos combater o discurso do odio”

-Cal foi a orixe destes premios contra a discriminación racial desde o Concello de...

Sanidade asinará un protocolo para ampliar o centro de saúde de Foz

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mantivo este pasado martes unha reunión de traballo...

Acusan de “transfondo político” as concentracións diante do Hospital de Burela

A dirección do Distrito Sanitario da Mariña asegura que, coa súa petición realizada o...

Constitúen a Comisión de Comercio de ACISA Ribadeo

En Acisa Ribadeo quedou constituída a comisión de comercio, que terá como obxectivos analizar...