O artista Juanel Ponte Forest entregou ao Museo do Mar de San Cibrao un retrato de Sagrario Martínez López, mestra da antiga escola de San Cibrao que deu orixe ao Museo.
O vicepresidente da Deputación Efrén Castro, acompañado pola xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago, recibiron a obra: un debuxo en carbón e xiz branca, que o artista mariñao realizou seguindo fotografías recentemente localizadas polas súas alumnas, a partir das pescudas realizadas polo persoal do Museo.
O retrato ubicarase na sala de entrada do Museo do Mar, onde un pupitre e fotografías históricas lembran o uso orixinal do edificio, construído en 1931 co mecenado de Manuel Goñi Maíste e José María Montenegro, emigrantes na Arxentina, para albergar a escola unitaria, que contaba cunha parte feminina e outra masculina.
A obra, que o artista doou ao Museo, contribuirá así a visibilizar as mulleres que protagonizaron a historia do edificio e de San Cibrao, outorgándolle o mesmo espazo de representación que ao daquela mestre da escola masculina, Francisco Rivera Casás.
A iniciativa encádrase no traballo que se ven desenvolvendo nos museos da Rede Provincial para dar visiblidade ás mulleres e identidades ignoradas ou infrarrepresentadas na historia e na memoria colectiva, avanzando na transformación dos museos en espazos máis inclusivos e representativos da sociedade.
Exposición e encontro de saberes: Cousas Nosas
A actividade no museo continuou durante a tarde coa inauguración da exposición fotográfica “Palabra e memoria”, resultado do traballo desenvolvido desde o IES Perdouro de Burela, no marco do proxecto Modelo Burela , sobre o uso da lingua galega na epigrafía funeraria do país. A mostra reúne imaxes realizadas por Pepa Losada, María Mon e Aida López, a partir da investigación e o traballo de campo realizado polo alumnado do centro para documentar o escaso uso do idioma neste ámbito e promover a súa recuperación. Ao fío da inauguración da mostra, celebrouse un encontro co profesor e impulsor do proxecto Bernardo Penabade.