O Concello de Cervo está acometer estes días traballos de mellora da iluminación na parroquia de Castelo, en concreto nos lugares de Motín e Castro, e que supoñen a instalación de 37 luminarias novas.
A alcaldesa Dolores García Caramés, supervisou os traballos acompañada da concelleira Mali Méndez e do edil Alfredo Fernández, unhas obras que supuxeron un investimento de 40.000 euros cofinanciados entre o Concello e o Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.
Proxectouse pois –explicaron- unha reforma da instalación do alumeado público en parte soterrado o que embelece tamén os nosos barrios, coa instalación de novas luminarias que responden ao criterio da eficiencia enerxética, que supoñen un aforro da potencia instalada do 44%.
A alcaldesa explicou que con esta actuación seguimos investindo na mellora dos servizos nas nosas zonas rurais incidindo tamén no aspecto da mellora da seguridade ao reforzar a iluminación con novos puntos de luz.
E esta actuación –apuntou- non só implica a instalación en si de novas luminarias senón tamén o uso dunha tecnoloxía máis eficiente, que nos permitirá aforrar enerxía e reducir custes, en consonancia tamén coa nosa aposta polo respecto ambiental. Cada pequeno paso que damos neste senso é un avance cara a un futuro máis sustentable, apuntou.
A alcaldesa tamén incidiu noutra importante obra que se vai acometer nos próximos meses tamén na parroquia de Castelo e que implicará a creación da rede de saneamento no lugar de “A Chousa de Motín”, por un valor de 108.724,48 euros. O proxecto contempla a creación dunha nova rede de sumidoiros de augas residuais en tubos de PVC entre pozos de rexistro e executaranse as acometidas domiciliarias, tamén se renovará a pavimentación dos tramos de calzada afectados, mellorando tamén as condicións de accesibilidade. Esta actuación sufragarase con fondos do remanente líquido de tesourería.