O Concello de Cervo vén de poñer en funcionamento o elevador adicional instalado no Centro de Día Residencia para mellorar a accesibilidade deste edificio municipal e tamén o día a día das persoas usuarias e do persoal que traballa no centro, con capacidade para 54 persoas internas e 25 usuarios para o centro de día.
A actuación, financiada co remanente de tesourería das arcas municipais, supuxo a instalación dun novo ascensor eléctrico no centro da fachada lateral do centro, ao final do corredor dos pisos superiores, destinados a residencia, afectando o menos posible á distribución interna do edificio “para mellorar tamén o nivel de autonomía das persoas usuarias e a funcionalidade e a loxística interna do centro”.
O elevador, con capacidade para 11 persoas e 5 paradas, supuxo un orzamento superior aos 162.000 euros.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, puxo en valor a actuación “que é un paso máis na mellora das nosas infraestruturas, pensando sempre nas persoas, na veciñanza, neste caso nos nosos maiores, porque esta é unha inversión non só en accesibilidade é un investimento en mellora da súa calidade de vida”.
Un dos maiores desafíos que trae o envellecemento –engadiu- é a mobilidade, “pero as barreiras físicas non deben ser un obstáculo para que os nosos maiores poidan moverse con liberdade, seguridade e confianza na súa contorna”.
Polo que este novo elevador non só mellorará a loxística do centro senón que facilitará o desprazamento das persoas usuarias, mellorando o seu día a día e garantindo unha maior independencia e seguridade.