A Xunta citou ao comité de empresa da planta de Alcoa San Cibrao, situada en Cervo, para unha reunión que se celebrará o vindeiro venres, 6 de setembro, ao mediodía en Santiago de Compostela.
O encontro, segundo confirman a Europa Press fontes da Consellería de Economía e Industria, será na sede deste departamento e acudirán tamén representantes da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Precisamente, o mércores, o comité de empresa fixera público un comunicado no relataba que pedira unha reunión co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e coas conselleiras de Economía e Medio Ambiente, María Jesús Lorenzana, entre outras autoridades; á vez que expresaba o seu malestar porque xa fixera esta solicitude en xuño sen obter resposta.
Tal e como manifestaba o presidente do comité, José Antonio Zan, os traballadores queren “coñecer a situación actual” da aprobación da balsa de lodos vermellos (DBR) e dos parques eólicos que fornecerán enerxía ás instalacioines, así como “solicitar a urxencia destes permisos”, porque diso depende “a continuidade” da planta.
Este xoves, fontes da Xunta confirman que haberá esa cita o vindeiro venres e, aínda que en principio non está prevista a presenza de Rueda, si destacan que ao longo deste ano xa houbo con anterioridade, polo menos, sete reunións entre ambas as partes. É máis, subliñan que os encontros cos empregados de Alcoa, “formais e informais”, son constantes.
