O Concello de Cervo, a través da delegación de Medio Ambiente, programou con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora cada 5 de xuño, unha serie de actividades de sensibilización dirixidas á mocidade “para as que quixemos involucrar ao alumnado dos tres centros educativos do municipio”, tal e como precisou a edil responsable, Mali Méndez.
A programación arrincou a primeira hora desta mañá no IES Marqués de Sargadelos, cunha visita da concelleira que lle entregou ao centro diferentes plantas aromáticas –romero,pirixel, tomiño, ourego, lavanda….- para inaugurar o invernadoiro recentemente instalado coa colaboración do Concello de Cervo no patio do instituto.
Nesta recepción estivo presente o alumnado de 3º da ESO que a continuación participou nunha plantación de castiñeiros na finca municipal do Polígono de Cuíña “co obxectivo de contribuír a crear un bosque autóctono mixto para perimetrar este Polígono e que poida servir de cortalume no caso de que se declare un incendio”.
A actividade prolongouse ata o mediodía, e os rapaces aprenderon tamén algunhas técnicas e habilidades para traballar o bosque e crear así un Souto para desfrute de toda a veciñanza. Como agasallo pola súa participación levaron para as súas casas cadansúa planta aromática.
A continuación foi a quenda do alumado de sexto do CEIP Península da Paz e do CEIP de Cervo que fixeron unha saída de campo para recoller lixo na Praia da Caosa, “a fin de sensibilizar sobre a importancia de reducir o impacto do lixo nos nosos mares e de mellorar o proceso de xestión de residuos en prol dunha economía circular”, precisou Méndez.
Desde o Concello de Cervo quixeron agradecer a colaboración da comunidade educativa á hora de participar sempre en todas cantas propostas xorden, nesta ocasión relacionadas co coidado e o respecto da contorna.