Alcoa cualifica a situación da planta de aluminio de San Cibrao de “crítica” e rexeita retomar as tarefas de cambio das cubas de electrolise que cheguen á fin da súa vida útil. A paralización destas labores, que permiten reactivar a maquinaria para manter a produción, derivou na presentación de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (Erte) en Reymogasa e Cyrgasa, con 30 e 13 traballadores afectados, respectivamente.
A compañía negouse a reconsiderar a súa posición sobre un recorte que insiste en cualificar como “temporal“. Nunha reunión mantida entre o director de Alcoa España, Álvaro Dorado, e o comité de empresa do complexo sancibrense, Dorado aludiu aos “problemas estruturais do marco enerxético” e á “sobrecapacidade da planta” e “aos baixos prezos do aluminio no mercado, cunha caída de case o 20% no que vai de ano”, para xustificar a medida.
Malia que o prezo da enerxía caeu, a causa da pandemia, ata os 27,2 euros/megavatio/hora no pasado mes de marzo, a multinacional reitera que a produción do aluminio en España é “inviable” sen un abaratamento da enerxía eléctrica e cuantifica o prezo neto do megavatio/hora en alomenos 47 euros coas condicións do estatuto das empresas electrointensivas que o Goberno ten sen aprobar.
Neste sentido, a multinacional anunciou que prevé unhas perdas de 50 millóns de euros na planta de aluminio para o exercicio 2020, sen concretar que cantidades prevé no tocante á produción de alúmina.
ALCOA ELUDE INVESTIMENTOS MALIA UN “COMPROMISO” DA XUNTA PARA COFINANCIAR O GAS
Os sindicatos desmarcáronse da postura da multinacional, a quen acusaron de “dar as costas” a San Cibrao. A negativa a continuar coas tarefas de rebrascaxe, que condena á fábrica a perder maquinaria e suporá recortes no emprego en alomenos un par de empresas auxiliares, “parécenos unha falta de compromiso con todos os traballadores, tanto do persoal, como temporeiros ou contratistas”.
O comité referiuse ao compromiso adoptado poa Xunta de Galicia, que se comprometeu a apoiar o investimento da implantación do gas en aluminio cun 30% do custo total, “moito por riba do aforro conseguido coa medida anunciada”. Preguntadas por este medio sobre a previsión de investimentos estratéxicos, que os obreiros ven necesarios para a continuidade a medio prazo do complexo industrial, fontes de Alcoa non quixeron pronunciarse ao respecto.
OS OBREIROS ACUSAN AO EXECUTIVO CENTRAL DE “DESPREZAR” A INDUSTRIA
“Nin sequera este compromiso revertiu a decisión” de Alcoa, lamentan os sindicatos, que criticaron “o desprezo” do Goberno central á industria “ao non acometer ningunha medida que regule o prezo enerxético do país”. Neste sentido, o comité reiterou a súa solicitude para que se convoque a mesa multilateral pulo futuro da planta, “lembrando que a aprobación dunha nova poxa de interrompibilidade ou as axudas ás compensacións por emisións indirectas de CO2 pódense facer sen o estatuto”.
Os sindicatos pedirán audiencia, informan, ao presidente da Xunta de Galicia para pedirlle que vincule a axuda do 30% ao mantemento de toda a actividade produtiva, tamén a rebrascaxe de cubas.
Os sindicatos, finalmente, piden aos representantes políticos que amosen “o mesmo comrpomiso” dos traballadores e da comarca da Mariña, “para sacar a fábrica adiante cando se declarou esencial“. Neste sentido, lembran que se aprobaron iniciativas por unanimidade no Congreso para regular o prezo da electricidade aos consumidores electrointensivos.