Cervo, Xove e O Vicedo mantéñense como bastións do Partido Popular (PP) na Mariña Lucense. Nestes municipios prolongaranse catro anos máis gobernos conservadores con maioría absoluta que duran décadas.
Había unha certa expectación en Xove por saber se o constante crecemento do BNG -dous edís en 2011, catro no 2015- lle permitiría desbancar ao popular Demetrio Salgueiro, primeiro edil do municipio desde 2007, cando bateu a Jesús López, ex alcalde do PP e que presentara unha candidatura independente –Agrupación Veciñal de Xove (Avexo)– tras discrepancias coa dirección do partido conservador. A desaparición de Avexo permitiulle a Salgueiro acadar a maioría absoluta no 2011, que renovou no 2015.
A situación non cambiou. O PP suma practicamente os mesmos votos ca no 2015 -1.388 (o 62,21%) por 1.355-, que lle outorgan os mesmos sete edís. O BNG sube levemente en sufraxios, de 706 a 726, pero mantense en catro concelleiros.

O PSOE, pola súa banda, con José Eduardo Veiga de novo como candidato, non conseguiu recuperar a representación na corporación, perdida en 2015. Sumou 107 votos, trece menos que nos anteriores comicios.
O VICEDO
No Vicedo, Jesús Novo revalidou a súa maioría absoluta tras 18 anos de goberno. O actual rexedor, nado en Estaca de Bares (Mañón) no 1959, ostenta a alcaldía dende febreiro do 2001. Daquela, cando exercía como concelleiro, substituíu ao demitido alcalde Isaac Prado Villapol. Desde as primeiras eleccións ás que concorreu como candidato, no 2003, Novo acumulou unha maioría absoluta tras doutra.
O rexedor popular acadou 710 votos (66,6%), que lle dan seis edís, os mesmos obtidos en 2015.

Os vicedenses tiveron unicamente dúas alternativas de elección, o PP e mailo PSOE de Vicente Parapar, despois de que o BNG, que no 2015 quitou dous edís (grazas a 288 votos) coa candidatura encabezada por Adrián Piñón, non se presentou nos actuais comicios. O PSOE obtén 332 sufraxios -sumara 186 nos anteriores comicios- para acadar tres concelleiros.
CERVO
En Cervo, a composición da corporación variou por primeira vez en oito anos. No 2011, o PP obtivo a maioría absoluta con sete edís, por tres do PSOE e un do BNG, un reparto que se repetiu de forma exacta no 2015.
Alfonso Villares continuará como rexedor, cargo que ostenta desde 2007, sempre con maioría absoluta. A súa vitoria suporá prolongar, se nada cambia, o goberno do PP no municipio ata os 24 anos, desde 1999, cando acadou a alcaldía José Insua, ate 2023.
O PP suma 1.939 votos (o 63,37%), que lle dan sete actas, as mesmas coas que contaba, mentres que o PSOE de Francisco Mon pasa de 739 a 566 apoios, perdendo un concelleiro. O BNG, liderado por Diego Fernández, suma 70 sufraxios para colleitar un total de 507 e conseguir dobrar a representación na corporación, con dous delegados.