A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a pena de 14 anos de cárcere imposto a un pai por cometer un delito continuado de agresión sexual con abuso de superioridade sobre a súa filla menor de 16 anos, así como pola comisión de dous delitos de malos tratos no ámbito familiar na Mariña.
O alto tribunal galego confirma a sentenza emitida o pasado mes de abril pola sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo e desestima, por tanto, o recurso presentado polo condenado. No fallo advirte de que o tribunal de instancia apreciou “a persistencia do relato coherente da vítima” e que descartou “fabulacións ou motivos espurios”. Ademais, segundo sinalan os maxistrados, existen “circunstancias corroborativas das agresións”.
En concreto, a vítima asegurou na súa declaración que cando estaban sós en casa, o seu pai realizáballe tocamentos nas súas partes íntimas, todo iso antes de cumprir os 13 anos, pero que, a partir desa idade, consumou o acto sexual en numerosas ocasións, varias veces á semana, e que, mesmo, nunha delas, foron sorprendidos pola muller, quen ameazou á súa parella con romper a relación se non abandonaba esta actitude.
A Sala recalca que a visualización da declaración da vítima “non suxire motivos para considerala incoherente ou pouco fiable”, polo que descarta que se vulnerase a presunción de inocencia do recorrente. No xuízo fora xulgada a parella do home, que non é a nai da vítima por supostamente consentir os feitos. Con todo, quedou absolta.
CONDENADO POR ABUSAR DUNHA MULLER CON DISCAPACIDADE
Por outra banda, o TSXG informou tamén de que se ratificou a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña na que se condenou a oito anos e medio de prisión a un home por abusar sexualmente dunha muller con discapacidade intelectual, á que abordou na rúa. A Sala do Civil e Penal rexeita que a Audiencia Provincial vulnerase a presunción de inocencia do acusado, pois conclúe que “as probas están válidamente obtidas, válidamente practicadas e con todas as garantías”.
