InicioMovementos SociaisAna de Miguel: "o patriarcado é o sistema de dominación máis invisible"

Ana de Miguel: “o patriarcado é o sistema de dominación máis invisible”

A filósofa, voz respectada do feminismo español, ofrecerá o venres unha charla en Foz

Publicada o

- Advertisement -

Está afónica e a súa voz ao teléfono soa a piques de romperse, pero Ana de Miguel (Santander, 1961) exprésase con claridade e une conceptos e acontecementos que semellan inconexos. A filósofa é unha das teóricas do feminismo -movemento que abrazou hai décadas- máis recoñecidas de España. Profesora na Universidade Complutense de Madrid, o vindeiro venres participará nun coloquio organizado polo Observatorio da Mariña Pola Igualdade. Será no hotel Isla Nova de Foz, desde as 20.30 horas

A conferencia titúlase ‘Neoliberalismo sexual‘, igual ca o seu libro da editorial Cátedra, que vai pola décima edición. Que vai tratar na charla?

O libro tenta explicar o fondo do 8-M. Por que Ana Botín di agora que é feminista cando hai dez anos non se vía así. Por que, aínda que a situación das mulleres mellorou, e aínda que todo o mundo apoia ou di apoiar a igualdade e contamos con ministerios nese ámbito, a realidade social mostra o contrario.

“o meu traballo tenta responder á pregunta de como se reproduce a desigualdade”

O meu traballo trata de responder á pregunta de como se reproduce a desigualdade, unha cuestión que ten un calado filosófico. Na filosofía tentamos indagar no que non resulta evidente, no que non se ve ata que se explica. Neste senso, o patriarcado é o sistema de dominación máis invisible que existe.

Como se reproduce esa desigualdade?

O patriarcado presentouse sempre como algo natural, inevitable. No século XIX había unha maioría social en contra do voto das mulleres, as propias mulleres pensaban que era unha sorte casarse aos quince anos cun varón de 50. Hoxe, o patriarcado xustifícase cunha falacia que cómpre desmontar, da libre elección. Calou ata nun sector do feminismo que insiste en que as mulleres son libres para decidir se queren ou non adicarse á prostitución. Mesmo se fala de rentabilizar o noso capital erótico, coma se fosemos un corpo.

A “FALACIA DA LIBRE ELECCIÓN”

Por que non hai libre elección?

Hai un exemplo moi gráfico, simbólico, que é que ao 90% das nenas fáiselles un marcado físico desde que nacen, que son os buracos para poñer os pendientes. É incluso violento, porque se lles introduce unha agulla, hai sangue. Esa situación asigna un rol social, o da coquetería.

“ás nenas, cos pendientes, asígnaselles un rol desde que nacen. a liberdade de elección é un mito”

Teño coñecido mulleres combativas, que arriscaron a súa vida, como policías ou xuízas, que din que non poden saír da casa sen os pendientes. Pero é que o levan interiorizado desde que naceron. Entón, ocorre porque queres ou porque cho impuxeron así? Hai cousas que hai que empezar a abordar: por que nas películas as detectives perseguen aos delicuentes con tacóns de quince centímetros? Por que as presentadoras da televisión van máis lixeiras de roupa ca os presentadores?

Fala da prostitución como escola de desigualdade, da mercantilización do corpo da muller.

A prostitución e a pornografía son elementos que na adolescencia configuran unha doble verdade. Porque os rapaces aprenden o que é unha rapaza e o que se pode facer con ela. Por un lado, están as súas compañeiras do instituto, ás que se sinten máis ou menos iguais. Por outro lado, as rapazas dos vídeos, as que están nos clubs, nos polígonos. A sociedade dilles, “vén, vouche contar un segredo: elas están para satisfacerte, para facilitarche a vida por un módico prezo”. Iso é moi grave, e contra iso hai que rebelarse.

“coa prostitución e o porno, os mozos aprenden que por un lado están as compañeiras e por outro as rapazas dos vídeos e dos polígonos”

8-M E O FEMINISMO

As mulleres están a rebelarse e o 8-M cambiou a axenda.

Sin ningunha dúbida, e hai que facelo. As mulleres nunca estivemos tan ben como agora, non coñecemos a nostalxia. Para nós, o pasado sempre foi peor. Queremos seguir avanzando para crear unha sociedade distinta, sen violencia física nin psicolóxica sobre as mulleres.

É un momento importante porque nunca tantas persoas compartiron esa visión. Está cambiando a percepción da desigualdade e chegar aquí foi complicado. Non sabes o valor que houbo que reunir para denunciar na esfera pública os casos de acoso sexual, que padecimos todas en maior ou menor medida. Agora sabemos que Lady Gaga, Madonna, foron violadas. E daba vergoña dicilo. Cando te atracan nun caixeiro non sintes vergoña por contalo, pero cando te acosan si.

Cales son os ámbitos nos que ten que actuar o feminismo?

A nosa tarefa é desnaturalizar o patriarcado. Primeiro, desmontar a idea de que a nosa misión no mundo é adornarnos, poñernos guapas. Non é algo inocuo. Segundo, seguindo con ese fío, eliminar a idea de que o noso proxecto de vida ten que plegarse, adaptarse, ao dos homes. Transmitíronnos a idea de que se non somos nais, esposas, non somos nada, ninguén. Hai que rematar con esta centralidade. Agora estase a desputar un Mundial de fútbol que paraliza a todo o planeta. Os xogadores son homes, os adestradores son homes, os árbitros son homes. A muller ten un rol de espectadora.

“nas familias está o máis complicado. os fillos seguen vendo ao pai como proveedor e á nai como servidora”

É a educación a saída?

A educación é fundamental, máis cando no ámbito familiar é complicado entrar. Os pais e as nais xuran que crian aos seus fillos da mesma maneira, pero non é certo, pódese ver nas tarefas domésticas e en moitos factores. Os roles nas casas cambiaron, pero non o suficiente. Incluso cando traballan os dous na parella, a muller segue sendo a ama de casa, a coidadora. Se os nenos e nenas seguen a ver a figura do pai como un proveedor e a da nai como unha servidora, é moi difícil que haxa un cambio, máis co inmenso afecto que lle teñen a esas dúas figuras, ás que idealizan. Hai unha cegueira que vai condicionar a vida das novas xeracións e a nosa tarefa é facer iso visible. Pódese facer visible desde o coñecemento.

ÚLTIMAS

Alcoa seguirá adiante coa venda de San Cibrao ao rexistrar máis perdas millonarias: 237 millóns ata marzo

Alcoa, o maior produtor estadounidense de aluminio, rexistrou perdas por importe neto atribuído de 252 millóns...

Trabada solicita unha subvención para renovar a vivenda da Unitaria de Vidal

O Concello de Trabada solicitou unha subvención ao Instituto Galego de Vivenda e Solo...

Charla en Burela sobre cambios normativos que afectan a persoas con dano cerebral adquirido

O Concello de Burela acolle, no Salón de Plenos, unha sesión informativa sobre os...

Un equipo especializado da Garda Civil traballa para determinar as causas do incendio do Valadouro

Un equipo especializado de investigación de incendios da Garda Civil, con sede na cidade da...