InicioMovementos SociaisO galego está de festa co II Festival da Lingua Moza no...

O galego está de festa co II Festival da Lingua Moza no Teatro das Cortes en Cabanas, O Vicedo

O II Festival da Lingua Moza. Un punto de encontro interxeracional que amosa que o idioma propio é a ferramenta perfecta para a creatividade, a música e a convivencia colectiva da mocidade galega

Publicada o

- Advertisement -

O Teatro das Cortes, situado na aldea de Cabanas (O Vicedo) revalida o seu compromiso coa identidade propia acollendo a segunda edición do Festival da Lingua Moza. Organizado conxuntamente pola Asociación Cultural Senda das Cortes e a Escola de Ensino Galego Semente de Lugo, o evento nace do impulso de diversos activistas co obxectivo prioritario de aproximar o galego á infancia e á mocidade a través de propostas lúdicas e de entretemento, fuxindo de formulacións puramente académicas. Como explica Pepe Penabade, do Teatro das Cortes, búscase “aportar o noso gran de area á recuperación do idioma e á normalización” e afianzar un festival que sexa un punto de encontro activo sementando con el o amor pola natureza, polas árbores e pola cultura en galego.

A elección da sede responde a un traballo continuado. O Teatro das Cortes leva anos construíndo rede na comarca mediante o teatro, o cine e a música, consolidándose como un referente de militancia de base e transformación social. Aínda que o edificio teatral en si ten un espazo reducido para unhas 80 persoas onde se realizarán mesas redondas e obradoiros, o exterior do mesmo ten capacidade para acoller comodamente a máis de 500 asistentes.

A regueifa como motor de identidade

Un dos piares centrais deste festival é a regueifa, entendida como un elemento dinamizador, festeiro e unha potente ferramenta de galeguización. Sechu Sende, profesor de lingua galega, escritor e activista implicado na recuperación da improvisación oral, destaca o valor da regueifa para construír comunidade e identidade colectiva. Grazas a un traballo previo desenvolvido pola escola Semente e o profesorado de galego ao longo do curso en seis institutos de Ortegal e A Mariña (en localidades como Foz, Viveiro, Ribeira, Cariño, O Barqueiro e Burela), xerouse unha semente de participación activa entre a rapazada.

O repertorio do festival inclúe catro grandes citas coa tradición oral: o obradoiro práctico “Aprende a regueifar en 50 minutos”, impartido polas propias adolescentes de Regueifatour; as coplas de ReGueiZeta con nenos e nenas de 9 e 10 anos que cantarán o sábado arredor do remolque dun tractor no prado; un encontro coa “nova regueifa” representada por Nuria das Cruces e Cristian de Burela, dous creadores na vintena; e o concerto do grupo Regueifatour, composto por mozos de entre 13 e 17 anos que levan tres anos de xira fusionando a improvisación oral con pandeiretas, violín, acordeón e bases electrónicas. Todo isto coa colaboración detrás do profesorado dos institutos e colexios de Viveiro, Burela, Ortigueira e Cariño

Dúas xornadas de lecer e activismo

A programación está estruturada para dous públicos diferenciados. O sábado 27 estará centrado no público infantil e familiar. Comezará cun relatorio sobre a relación entre o idioma e a infancia, seguido de obradoiros, a función de monicreques de Mirari Urruzola e a exposición interactiva de autómatas de madeira da compañía Trécola. Tamén se desenvolverá o roteiro teatralizado de Son d’Aldea (chegados de Palas de Rei) e xogos na rúa con catas de porco celta. O broche musical nocturno porano o mago Alisén, Seis por Oito, e o concerto conxunto de Uxía Senlle e Sergio Tanus.

O domingo 28 o foco dirixirase por completo aos adolescentes. Pola mañá celebrarase unha mesa de debate con mozos activistas de entre 13 e 20 anos implicados en equipos de normalización e asociacións de tempo libre —co referente do Proxecto Neo de Burela— para que reflexionen sobre o seu papel na transmisión lingüística. Pola tarde, o Festival de Talentos Diversos dará voz a creadores emerxentes como o dúo Dobre Bordón ou o gaiteiro Daniel Martínez (alumnos de David Bellas, de San Cibrao). Tras o espectáculo de humor e crítica de Regueifa Tour, a banda Punk’on Keixo pechará a fin de semana.

Os organizadores aspiran a que o festival sexa un proxecto a medio e longo prazo onde a mocidade colla o relevo e as familias atopen un espazo hospitalario en galego. Para facilitar a estancia, o festival —que conta co patrocinio de socios, Cultura do Medio Rural, a Deputación de Lugo e Caixa de Leite— ofrece merendas de balde para a rapazada, zona gratuíta de acampada con duchas e opcións de comida con hamburguesas, bocadillos e alternativas veganas a cargo de Galipizza.

ÚLTIMAS

Morre un home en Foz por un incendio nunha vivenda da localidade

Unha persoa perdeu a vida este xoves tras producirse un incendio nunha vivenda situada...

Burela colabora co Bal y Gay para unha nova cita coa música clásica

O Concello de Burela colabora un ano máis co Festival Bal y Gay para achegar ao municipio unha nova cita coa música clásica. O vindeiro venres 14...

Primeiro parte da AEMET sobre o día da eclipse: Ceos nubrados no Cantábrico e litoral galego, con choivas no leste

O 12 de agosto, día da eclipse solar, será unha xornada marcada por unha...

Ribadeo prevé un aumento de 1.000 habitantes coas 300 vivendas proxectadas no PIA

O alcalde, Dani Vega, dixo que “tanto o Concello como a Xunta estamos a...