-Coñécese ou tense información sobre o perfil das persoas que foron fusiladas e que aparecen nomeadas nestes tres monumentos?
O perfil era moi plural. Estaban as mulleres da casa Casabella en Ourol. Eran tres mulleres, dúas adultas e unha nena de dez anos asasinadas por dárenlle alimentos a un escapado, concretamente Alejandro Temblás, a quen tamén mataron. Logo están os guerrilleiros antifranquistas e corporacións municipais en Muras, Ourol e Viveiro. Houbo quen dixo “non se salvou ninguén, mesmo fusilaron o barrendeiro”. Había tamén moitas persoas ligadas aos gremios agrario e pesqueiro e, en definitiva, todas aquelas persoas que non comulgaban co fascismo ou non pensase igual que os golpistas eran fusilados ou lles aplicaban a “lei de fugas” vilmente.
-Que era a “lei de fugas”?
A “lei de fugas” era un paripé, aparentar que trasladaban os presos a outro lugar. Sacábanos de noite para levalos a un monte ou a unha praia e alí eran fusilados. Simplemente era un asasinato planificado e, polo tanto, pode ser cualificado como terrorismo de Estado.
-Antes falaba de tres mulleres fusiladas. Son as únicas desta lista ou houbo máis?
Houbo máis. Por exemplo, existía un grupo de cinco guerrilleiros e deles dúas eran mulleres, unha chamada Celia e a outra Lúa a quen tamén mataron. Non era unha cuestión só de homes. Logo estaban os familiares que sufriron represión, abusos sexuais, violacións, discriminacións, desprestixio ou despedimento dos postos de traballo. Houbo unha depuración incrible cun abano de moi amplo de prexudicados.
-En total hai case cen nomes reparticos entre Muras, Ourol e Viveiro. Mais como se desenvolveu o traballo de indentificación destas persoas? Como se lles puido poñer nome?
Detrás hai todo un traballo de investigación que no caso destes tres concellos desenvolveu o historiador Carlos Nuevo, cronista oficial de Viveiro. A rigurosidade do seu traballo deu cifras de nove asasinados en Muras, vinte e dous en Ourol e corenta e catro en Viveiro. Logo descubríronse máis nomes e así en Ourol pasaron a ser vinte e nove e en Viveiro pasaron a ser cincuenta e seis. Con todo, é moi probable que nunha nova investigación poidan aparecer novos nomes, cousa moi habitual. Sobre o proceso, pois é cuestiónd e falar con familiares, de consultar en arquivos militares, das dióceses, buscar partidas de defunción e buscar nos xulgados. Falamos dun traballo que pode levar anos.
-Permitiron ás familias enterrar os fusilados ou foron abandonados en foxas comúns?
Houbo un pouco de todo, desde corpos abandonados en cunetas, outros abandonados no monte, caso de Alejandro Temblás que acabou morrendo polas feridas causadas por disparos. No caso das mulleres da casa Casabella obrigaron a un veciño a levar os corpos nun carro con palla. Con todo, un caso de crueldade e dunha actitude pouco humana foi o dos cinco guerrilleiros de Muras. Deixaron os seus corpos nunha foxa común ao pé da igrexa para que toda a veciñanza tivese que pasar por encima dos seus cadáveres.
-Os executores eran falanxistas ou eran membros do exército ou da Garda Civil?
Participaron todos. Antes de nada, debemos clarificar que en Galicia non houbo guerra, o que houbo foi represión organizada, planificada desde o propio aparato do Estado e por tanto crimes de lesa humanidade. Nas mortes participaron desde a Garda Civil, os falanxistas e veciños ou ben obrigados ou ben por vontade propia. Isto último para solventar vinganzas persoais, problemas de terras e quitar de diante posibles rivais ou competidores.
-Indo á inauguración dos tres monumentos, cando e como nace esta iniciativa e se só participou a Comisión pro Memorial?
O 24 de febreiro de 2024 inauguramos un memorial en Ferrol ás vítimas do franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal. Logo puxéronse en contacto con nós familiares de represaliados polo franquismo deses tres concellos: Muras, Ourol e Viveiro para facer algo similar. Ese mesmo 2024 falamos cos alcaldes deses concellos, Manuel Requeijo de Muras, Luis Pajón de Ourol e María Loureiro que daquela era a alcaldesa de Viveiro. Todos eles moi receptivos. En 2025, despois do cambio de goberno en Viveiro, falamos coa nova alcaldesa, Mariña Gueimunde quen ratificou o compromiso. E así foi como se desenvolveu o proceso.
-Estes homenaxes son placas cos nomes das persoas represaliadas, non?
Si, iso mesmo. En Muras unha irá sobre unha pedra lisa coa placa incrustada cos nomes e co lema “Vítimas da República por loitar pola Libertade”.
-Un dos feitos reseñables é que son os tres grandes partidos do arco parlamentario galego, BNG, PSOE e PP, os que están representados polos alcaldes dos tres concellos. Isto é algo máis que simbólico, non?
Algo máis que simbólico, é ampliar a visión e non cinguirse aos aliñamentos ideolóxicos senón sendo solidarios coas vítimas do franquismo. Tamén se manifestou no Parlamento esa solidariedade cun monumento no mesmo edificio. Mais a realidade é que BNG, PSOE e PP van inaugurar estas placas conmemorativas e isto é un feito democrático moi importante.
-Por último, que valoración fai do estado da memoria histórica dentro da da da comarca da Mariña?
O acto en si é un fito importante logo de décadas de silencio, 80 anos do golpe de Estado. Son moitos anos de sufrimento dos familiares e isto é como un rescate, pasar do silencio á memoria. Dicir que estas persoas non eran delincuentes senón que eran xente defensora da liberdade e da democracia.
