A semana pasada a Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela iniciou unha nova tempada das súas xornadas divulgativas “Eu Como Peixe de Burela”, que realizan en colaboración coa dietista Alba Vila e que están dirixidas a escolares de diferentes centros educativos da Mariña Lucense.
Uns 80 alumnos de educación infantil e primaria do CPR Plurilingüe Nosa Señora do Pilar, en Foz, acolleron a primeira visita deste curso, que forman parte da serie de actividades dirixidas ao público infantil que se levan a cabo desde a OPP-7 Porto de Burela, co obxectivo de achegalos ao mundo da pesca e ao consumo de peixe; inclúense no seu plan de produción e comercialización e están cofinanciadas pola Xunta de Galicia e o FEMPA.
O secretario técnico da OPP, José Manuel Beltrán, saudou aos alumnos antes de dar paso a unha charla divulgativa sobre os beneficios para comer peixe, impartida pola dietista Alba Vila, que, ademais dos seus centros en Burela e Foz, tamén coordina os menús de diferentes colexios da zona.
Os escolares, de entre tres e sete anos, estiveron moi participativos durante a charla, seguindo atentamente os debuxos e explicacións sobre algunhas das principais especies da lonxa de Burela: pescada do pincho, peixe sapo, peixe espada, cabala e bonito do norte; aprendendo as principais diferenzas entre o peixe azul e o peixe branco. E ao finalizar a xornada recibiron un agasallo en forma de mandil e gorro de chef.
O circuíto de visitas a colexios da OPP Burela baixo o lema “Eu Como Peixe de Burela” comezou a finais do curso 2021-22 e ao longo destes anos as súas mensaxes chegaron xa a 700 escolares de 13 colexios de toda A Mariña Lucense: desde Burela a Ribadeo, pasando por Xove, Cervo, Nois, Foz, Ferreira do Valadouro, Alfoz, San Cosme de Barreiros e Trabada.
