CIG-Saúde da Mariña vén de facer un chamamento público dirixido tanto ás traballadoras e traballadores como á veciñanza de toda a comarca para que participen na concentración convocada pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública. A protesta terá lugar este xoves, 4 de xuño, ás 12:00 da mañá na entrada do Hospital Público da Mariña, baixo o lema “Listas de agarda, solucións xa!”.
“A xente alegre e combativa da Mariña temos que saír novamente á rúa para lembrarlle a quen xestiona a nosa sanidade que estaremos agora, aquí e sempre, na defensa da sanidade pública”, aseveran dende a organización sindical.
Críticas á xestión da Xunta
Dende CIG-Saúde denuncian que “o que ten que facer o presidente da Xunta é deixar de facer cambios de nomes e apelidos nunha operación estética na Consellería, de mentir e manipular, de recortar e de privatizar a sanidade pública da Mariña e escoitar as demandas dos mariñaos e das mariñás”.
Por estes motivos, dende o sindicato insisten na importancia de sumar forzas e instan a toda a cidadanía a secundar a concentración deste xoves ás 12:00 horas ás portas do centro hospitalario, co obxectivo de esixir medidas inmediatas ante a situación actual.
