InicioMovementos SociaisMuras, Ourol e Viveiro inauguran os monumentos en memoria das 93 vítimas...

Muras, Ourol e Viveiro inauguran os monumentos en memoria das 93 vítimas do franquismo

A Comisión Pro Memorial impulsa esta homenaxe cos nomes e apelidos dos represaliados nun acto unitario que une a tres concellos de distintas cores políticas (BNG, PSOE e PP) e que contará coa presenza da Deputación de Lugo

Publicada o

- Advertisement -

Os concellos de Muras, Ourol e Viveiro renderán unha sentida e histórica homenaxe ás vítimas da barbarie franquista coa inauguración de tres monumentos perennes nos que quedarán gravados, con nomes e apelidos, os de 93 veciños asasinados por defenderen a legalidade republicana e as liberdades democráticas. Concretamente, lémbrase a 8 vítimas de Muras, 29 de Ourol e 56 de Viveiro.

A iniciativa parte dun núcleo de traballo formado por catro membros da antiga Comisión Pro Memorial (Anxo Currás, Ton Blanco, Sabela Díaz e Xabier Dongil) —grupo que xa promovera o monumento en Ferrol antes de disolverse en 2024—, quen iniciaron este novo proxecto en Lugo tras seren contactados por familiares das vítimas lucenses e contando coa estreita colaboración do historiador viveirense Carlos Nuevo.

Unanimidade política e institucional

O proxecto arrancou no mesmo ano 2024 cunhas entrevistas iniciais con Manuel Requeijo (alcalde de Muras), José Luis Pajón (alcalde de Ourol) e María Loureiro (entón alcaldesa de Viveiro), nas que se constatou unha total empatía e o compromiso de romper o silencio de tantos anos de esquecemento. Malia o impas provocado polo cambio de alcaldía en Viveiro, o compromiso mantívose intacto coa nova rexedora, Mariña Gueimunde.

Deste xeito, os monumentos serán inaugurados de forma conxunta por tres alcaldes de partidos políticos diferentes (BNG, PSOE e PP), amosando un fito de unidade institucional en materia de memoria histórica. O acto contará ademais coa asistencia do vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro Caloto.

Localización dos monumentos

As placas de homenaxe coa inscrición “En lembranza dos asasinados pola barbarie franquista ao defenderen a legalidade republicana e as liberdades democráticas” situaranse en espazos moi visibles de cada localidade:

  • Muras: Ao lado da casa do Concello.

  • Ourol: Ao lado da casa do Concello.

  • Viveiro: Na praza Das Catro Linaxes (antiga praciña da Herba).

Chamamento á solidariedade e pegada internacional

A organización fai un chamamento á participación de toda a veciñanza de Muras, Ourol e Viveiro, estendendo a invitación ás comarcas e concellos limítrofes como Ribadeo, Lourenzá, Mondoñedo, Vilalba, así como ás zonas de Ferrol, Eume e Ortegal, co obxectivo de conformar un acto profundamente emotivo e solidario.

Pola vinculación directa destas vítimas coa emigración e o exilio, espérase que a nova teña un eco internacional con especial relevancia en países de acollida como Arxentina (Buenos Aires), Cuba, Venezuela, México e os Estados Unidos (EUA).

ÚLTIMAS

Cervo celebra o Día Mundial do Medio Ambiente coa comunidade educativa

O Concello de Cervo conmemorou este venres o Día Mundial do Medio Ambiente cun...

Ton Blanco: “En Galicia non houbo guerra, houbo unha represión e unha depuración moi duras”

-Coñécese ou tense información sobre o perfil das persoas que foron fusiladas e que...

Continúan os labores de extinción nun edificio de Ribadeo

Os equipos de Emerxencias continúan traballando na extinción dun incendio declarado hai máis de...

Burela leva a Feira do Bonito a Festur 2026

O Concello de Burela participa un ano máis en Festur, a Feira de Festas de Interese Turístico que se celebra no recinto feiral de...