InicioCentralFozJosé Ramón Rodríguez Castiñeira: "No verán xa non houbo médicos suficientes en...

José Ramón Rodríguez Castiñeira: “No verán xa non houbo médicos suficientes en Foz e isto vén desde hai tempo”

José Ramón Rodríguez Castiñeira forma parte da Asociación Coiden Maiores e Coidadores, que presta apoio ás coidadoras de xente maior no fogar. Logo de que o pasado 7 de xaneiro unha muller maior non fora atendida polo médico, tanto a muller como a asociación presentaron unha denuncia pola vía administrativa

Publicada o

- Advertisement -

-Que ocorreu o sete de xaneiro para que, con posterioridade, se levase adiante unha denuncia por falta de atención no Centro de Saúde de Foz?

Tratábase dunha muller que levaba uns días bastante mal. Isto foi o martes 6 de xaneiro, ela, ademais, tiña o médico pola tarde. O mércores, ante o empeoramento que manifestaba fomos ao centro de saúde e alí pedimos cita e quitamos número. A mala sorte foi que o médico desta muller non estaba, entón debería atendela o outro médico de tarde. Este facultativo tiña que atender os seus pacientes e os do que non estaba. Cando chegamos, sobre as seis e vinte, habería entre 25 e 30 persoas e alí esperamos case unha hora até que a señora comezou a queixarse de que non estaba ben e quería ir para a casa. Nós dixémoslle que esperase pois xa estabamos no médico. Vimos como entraban e saían os pacientes e cando chegamos ás nove da noite saíu o médico dicindo: “síntoo moito pero non podo seguir atendendo, se queren poden ir ao PAC de Burela ou veñan mañá”. Quedaban esta señora, outra señora maior e unha rapaza. A señora non quería ir a Burela pois temía ter que esperar moito máis tempo. Desta maneira fómonos para a casa.

-Situacións coma esta, con ausencia de facultativo na quenda de mañá e de tarde, desde cando vén sucedendo?

Se hoxe meu fillo ou eu enfermamos hoxe, até o luns non teriamos cita, se acaso hai, ou até o venres. Isto é algo xeralizado desde hai uns meses, non é dicir que vén ocorrendo desde despois de Nadal ou polas vacacións. Xa non houbo médicos no verán e isto xa vén de hai moito tempo. No verán faltaron médicos e, durante un mes ou mes e pico, non se puido pedir cita.

-Cantas prazas de médico ten o centro de saúde en Foz e cantas están sen completar?

Non sei, mais creo que hai cinco médicos pola mañá e a pediatra e dous pola tarde.

-Outros servizos que se presten, como pediatría por exemplo, están cubertos?

Nese caso concreto, non sei. Polo demais, odontoloxía si atende.

-Cantas persoas ten que atender o centro de Saúde de Foz?

Estamos censados dez mil habitantes no concello. Durante o verán isto pode triplicarse.

-Sería necesario crear outro centro de saúde?

A priori non creo que sexa necesario. O que temos está ben ubicado, o malo é a falta de persoal.

-Presentaron as correspondentes queixas sobre o asunto da atención médica?

Si, tanto a señora como a Asociación Coiden Maiores e Coidadores presentaron unha reclamacón á xerencia da área sanitaria.

-Sobre a Asociación, pediron falar co xente da área sanitaria?

Non, enviámoslle a reclamación por sede electrónica. Tampouco é cuestión de reunirse con el porque é unha situación que, de sobra, saben dela. Xa hai outra plataforma máis grande e que xa está presionando. Nós, dentro do ámbito sanitario é a primeira vez que nos sucede algo grave. Por tanto, xuntarnos coa xerencia non o contemplamos, á parte, dubido que nos recibise.

-Canta xente forma parte da Asociación?

Somos catro persoas mais por horas soltas e estamos atendendo a once maiores. Estamos especializados fundamentalmente nas coidadoras familiares, para nós é a parte invisible da vellez, ademais de non recibir atención de ninguén. Para os maiores hai centros de día, residencias, mais a persoa coidadora, sobre todo se é un familiar, ninguén as atende. A asociación naceu hai dous anos, mais somos moi poucas persoas e algún curso de formación e apoio temos dado, charlas e estamos pendentes dun grupo de apoio mútuo.

ÚLTIMAS

A alcaldesa de Barreiros pide aplicar o “Modelo Muras” para as compensacións polo parque eólico Mondigo

  A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, adiantou hoxe, tras coñecer o anuncio feito pola...

A ampliación do Hospital da Mariña avanza con 33,5 millóns e máis espazo en urxencias, UCI e consultas

O Hospital Público da Mariña continuará coa súa ampliación a través das fases 2...

Convenio entre Viveiro e Portos de Galicia para ordenar o tráfico na rúa Porto de Celeiro

O Concello de Viveiro e Portos de Galicia asinaron un convenio de colaboración...

Ribadeo contará cun novo solo residencial para 300 vivendas, a maioría protexidas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este luns a delimitación dun novo ámbito...