InicioMovementos SociaisSOS Sanidade Pública denuncia a desfeita sanitaria na Mariña

SOS Sanidade Pública denuncia a desfeita sanitaria na Mariña

Non se está a substituír a case totalidade do persoal ausente por vacacións, baixas, xubilacións e permisos.

Publicada o

- Advertisement -

A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia a desfeita que impera na práctica totalidade dos centros de saúde da comarca, onde case ningún profesional, tanto medico como de enfermería están a ser substituídos cando se ausentan por vacacións, baixas, xubilación ou calquera permiso. “Esta caótica situación está a provocar sobrecarga asistencial dos e das profesionais, que están a facer un sobre esforzo moi importante para tentar dar solución aos problemas de saúde tanto de residentes coma de persoas desprazadas”. A Plataforma sinala que os profesionais asumen axendas desproporcionadamente elevadas e case incompatibles cunha atención de calidade ás persoas, “estase a xerar nelas unha enorme frustración por non poder desempeñar o traballo como deberan e correndo o risco de afectar á súa saúde mental , física e emocional”.

As persoas usuarias están experimentando esperas nas súas citas de entre quince e vinte días, “polo que se ven na obriga moitas de veces de acudir ao seguinte nivel asistencial, minguado de persoal tamén, chegando a producir colapsos do mesmo”.

Sumado ás eivas denunciadas desde antes do período estival e mesmo convocando concentracións en diversos puntos para poñer o foco do problema tan grave que ten a Mariña, o colectivo SOS Sanidade Pública vén de saber que en Xove non haberá ningún medico no seu centro até finais de mes, xa que á xubilación non cuberta dunha das medicas súmase a ausencia da outra facultativa. Desde a Xerencia dan coma solución cubrir cinco días puntuais do mes unhas horas en quenda de mañá e tres días pola tarde. “O resto de días derivan ao centro de saúde de Burela, xa sobrecargado polo persoal médico que non substitúen e sobrecargando tamén ao persoal de enfermería, que con tres persoas que estaban hoxe para os máis de dez mil habitantes, teñen que asumir os actos sanitarios derivados da atención médica desas persoas derivadas a Burela”.

Desde o pasado mes de xullo o Concello de Cervo quedou cunha soa facultativa para atender a todo o municipio, despois de que rescindira o seu contrato o médico que atendía o consultorio de Cervo e que unha das médicas de San Cibrao collera vacacións. “Neste mes de agosto a situación non variou porque colle vacacións a outra facultativa. O Concello de Cervo ten unha poboación de catro mil habitantes ao que hai que sumar toda a poboación desprazada”.

No centro de saúde de Ribadeo a situación “tamén é pésima, malia a esaxeración en prensa do conselleiro de Sanidade e o alcalde; este último afirmaba textualmente que polo de agora o que se está facendo é cubrindo todas as prazas de médicos que hai en Ribadeo, están cubertas , prevese entón unha boa situación asistencial”. Segundo SOS Sanidade Pública, a situación real en Ribadeo é que hai tres xubilacións non cubertas de médicas de familia, algunha desde hai máis dun ano. Para que pareza que está todo o persoal completo “o que fan cubrir algúns días, non todos, con médicos que parchean a situación xa que a atención é puntual, non diaria, e con distintas persoas cada día, polo que a atención diaria e continuada non está garantida”.

Convocatoria de concentración en Viveiro

Desde a Plataforma Sanitaria convocan concentración en Viveiro este xoves 7 de agosto ás 11:30 horas diante do centro de saúde, “como estamos a facer desde hai uns meses, concentrándonos o primeiro e terceiro xoves de cada mes”. Así indican que estas concentracións responden á situación de “caos sanitario que está a vivir a localidade desde hai moito tempo e que se agrava no período estival , dada a gran afluencia de visitantes que ten a cidade”. A propia Plataforma sinala que “para tentar calar o clamor social e que pareza que hai persoal suficiente o que ordenou a Xerencia foi o peche das quendas de tarde e todos os profesionais pasaron ás quendas de mañá”. A isto engade a coordinadora de servizo: “mais estamos lonxe de contar cos once profesionais de medicina de familia que ten que haber en Viveiro e dous pediatras, a maiores do persoal de enfermaría que falta por vacacións e que non se está a substituír”.

Desde SOS Sanidade Pública fan un chando á xente de Viveiro, de localidades veciñas e de toda a Mariña para que acudan a esta concentración, “pois temos que seguir denunciando a situación crítica da sanidade pública viveirense e da Mariña, xa que por moito que se prodigue a alcaldesa de Viveiro en fotos coa Xerencia, a atención sanitaria non está garantida mentres non estean os e as once médicas de familia e dous pediatras de xeito estable”.

ÚLTIMAS

José Leal: “O Cantábrico galego estaba moi esquecido na historiografía galega, por iso quixen escribir sobre el”

-Por que escribiches este traballo sobre a pesca no Cantábrico de Lugo? Sobe o Cantábrico...

Viveiro anuncia o comezo da Enquisa de Poboación e as Vivendas 2026

O Concello de Viveiro informa de que a Delegación Provincial do Instituto Nacional de...

Mariña Patrimonio e Xebra preparan unha visita guiada a Santo Estevo do Ermo

O centro social Xebra e a asociación Mariña Patrimonio organizan unha visita guiada a Santo...

Antonio Rey, directivo do Xove FS: “Cada tempada hai que reinventarse porque cada día competir é máis complicado”

  -Como entraches nesta aventura do Xove Fútbol Sala? Durante o ano 2009 xuntámonos varios amigos...