InicioMovementos SociaisManuel García; Asociación Agarimos: "Buscamos máis implicación nas decisións sobre a residencia...

Manuel García; Asociación Agarimos: “Buscamos máis implicación nas decisións sobre a residencia de Foz”

Manuel García preside a Asociación Agarimos, herdeira da Plataforma de Afectados pola suba abusiva de tarifas na residencia e centro de día de Foz. Dise herdeira porque o actual equipo directivo da asociación estaba implicado de maneira activa na plataforma e chama á participación ás demais persoas implicadas na plataforma. Con esta nova personalidade xurídica buscan unha maior implicación sobre as decisións que se tomen arredor da residencia sobre todo no referente ás subas nos prezos das tarifas.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal foi a principal motivación para transformarse nunha asociación, unha personalidade xurídica?

O motivo está en que sendo unha plataforma as nosas reivindicacións eran moi cuestionadas. Transformarnos nunha asociación polo que apuntaba na pregunta, así temos unha personalidade xurídica propia con capacidade de obrar. Desta maneira podemos realizar todos aqueles actos que teñan por finalidade os obxectivos para os que foi creada. Todo isto, sendo unicamente unha plataforma non sabiamos como actuar: se como persoa física ou persoa xurídica así, sendo unha asociación, resolvemos este punto.

-Todo este proceso puido levarse adiante en tempo e forma ou tardaron máis do que consideraban necesario?

O proceso iniciámolo hai tres meses. Efectivamente houbo que presentar unha serie de documentos: acta fundacional, documentación na Xunta, solicitudes mais finalmente si, chegou todo a bo termo.

-Dentro da asociación están todas as persoas que no seu momento formaron parte da plataforma?

Maiormente si, mais temos tamén un equipo de dez persoas na comisión, temos un presidente, unha secretaria, un tesoureiro e sete vogais.

-Co seu rexistro como asociación buscan que as iniciativas, propostas e demandas sexan atendidas máis rapidamente?

Iso é o que buscamos, estar máis implicados. Se se fai unha nova normativa ou cambios legais que se nos dea traslado e así podermos presentar achegas, sobre todo á licitación. Indicar tamén que somos unha asociación sen ánimo de lucro, agora mesmo somos esas dez persoas e buscamos a incorporación de todas as persoas da plataforma. Aínda así, debemos ter en conta que a asociación leva en marcha desde o día 13 deste mes.

-Recibiron o apoio ou polo menos os parabéns doutras organizacións e tamén do tecido asociativo de Foz?

Si que nos chamaron os partidos políticos da corporación agás o partido que apoia o goberno local. Precisamente, presentamos un escrito no Concello pedindo unha reunión co alcalde de Foz, Fran Cajoto. Xa lle pediramos unha reunión en decembro de 2024 e por motivos descoñecidos para nós, a reunión non se materializou. Si nos enviaron un documento onde se nos dicía que se trasladaba a cuestión á concelleira de Asuntos Sociais (AASS). Desde ese momento non tivemos máis noticias. Entendemos que sendo unha asociación isto se pode axilizar pois o que buscamos é ter un diálogo para chegar a un acordo co actual equipo de goberno.

-Indo á cuestión da residencia de maiores e centro de día, rexistráronse novidades?

Non hai ningún, segue a empresa que estaba na residencia. Fóra diso, houbo un cambio no equipo de goberno despois do abandono do BNG logo de que o alcalde delegara as competencias da residencia na concellaría de AASS, que levaba o BNG. Logo da marcha do Bloque todas as competencias quedaron en mas do PSOE.

-Seguen pagando as tarifas anteriores ou estanse aplicando novos prezos?

Non, seguimos coas anteriores tarifas. Isto é así porque houbo un pronunciamento por parte do Tribunal Administrativo de Contratos de Galicia que anulou o anterior proceso. Renunciouse ao contrato coas condicións que se propoñían. A empresa adxudicataria presentou dous recursos mais o tribunal declarou que estaba dentro da lei renunciar ao contrato presentado pola empresa. Había un incremento medio nas tarifas dun 60% con respecto ás tarifas anteriores mais o Tribunal entendeu que prevalece o interese xeral. Nós entendemos que se quere privatizar o servizo de atención dentro da residencia.

-Iso foi o que lles trasladaron?

Non, mais nos ofrecemos unha suba paulatina de tarifas un 20% cada ano, segundo a suba do IPC e das pensións, mais non que se subise o 60% dun día para o outro. O Concello non nos dixo nada de privatización aínda que vemos as accións porque desde o consistorio falban desa suba nas tarifas agás excepcións segundo unha ordenanza de emerxencia social e que só se aplicaba a dúas ou tres persoas. Xa dixen que lle trasladamos un escrito propoñendo unha nova ordenanza con prezos públicos.

ÚLTIMAS

Comezan as licitacións para o viaduto de Celeiro e a variante de Viveiro por 40 millóns

O Goberno galego deu luz verde definitiva ao contrato de servizo para o deseño...

Santiago González, tirador de arco: “Hai que lembrar que un arco é unha arma, por iso se debe ter unha licenza para levalo”

  -Vés de gañar o Campionato Galego de Tiro con Arco. Cal é a orixe...

A Xunta recollerá mostras na Mariña para o proyecto Xenoma

A Xunta iniciará o próximo 16 de xuño, martes, a toma de mostras da...

Foz inviste máis de 200.000 euros no campo de fútbol de Malates

O Concello de Foz ten en marcha as obras de renovación do céspede artificial...