-Ademais do persoal que traballa no centro hospitalario de Burela, ás concentracións acoden tamén outras persoas en solidariedade?
As concentracións iniciáronse a petición de médicos facultativos da Área Sanitaria e que a día de hoxe son convocadas a través da Xunta de Persoal. Estes actos están sendo secundados por todas as categorías profesionais do Hospital da Mariña e temos o apoio dos pacientes para unirse a nós e a defender o hospital comarcal.
-Cales son as carencias que está afrontando o centro hospitalario? A Consellería de Sanidade está ofrecendo algún tipo de solución?
O motivo das concentracións son o abandono en materia de sanidade que ten a comarca da Mariña. Isto inclúe derivacións continuadas de pacientes cara a Lugo para todo tipo de probas diagnósticas, ingresos que deberían facerse na nosa comarca e que van derivados a Lugo. Isto débese á falta de diversos especialistas porque a día de hoxe hai falta de médicos en radioloxía, neuroloxía ou cardioloxía. Nesta última especialidade é sangrante, porque só temos un único cardiólogo para toda a comarca e o mesmo sucede con uroloxía, unha única uróloga para toda a Mariña e unha única especialista en dixestivo. Ademais, de once internistas que debería haber no centro temos catro a xornada completa máis unha con redución de xornada. Isto imposibilita que se poidan ingresar pacientes neste centro porque quedarían sen atención facultativa.
-Como afecta isto aos profesionais?
A realidade é que se superan os ratios de vinte pacientes por especialista cando o recomendable son oito ou nove pacientes, de aí que se deriven persoas a Lugo. No hospital de Burela temos camas libres mais non temos profesionais.
-En enfermaría sucede o mesmo?
En enfermaría sucede o mesmo porque non temos na lista de contratación, temos persoal de cadro para cubrir emerxencias, porén, debemos dicir que o persoal de enfermaría de cadro está todo cuberto. Digámolo así, a dotación de enfermaría deste hospital está cuberta, mais temos dificultades para as substitucións no momento en que collen permisos cando collen unha IT ou unha baixa. Mais dentro do persoal de enfermaría si alegan sobrecarga de traballo. Non hai vacantes de enfermaría mais si temos vacantes sen cubrir no persoal médico. Ademais, os técnicos de farmacia están sobrepasados en traballo e no servizo de partos tamén faltan profesionais.
-Todo isto sumado son as circunstancias que levan á derivación de pacientes a Lugo?
O motivo principal para derivar a lugo é a falta de facultativos. É dicir, derívanse persoas a Lugo porque teñen patoloxías que neste hospital non se poden asumir. Son entendible e asumibles. Se hai un caso que necesite un especialista en cirurxía vascular é normal que se derive a Lugo, o mesmo sucede con persoas que necesiten hemodinámica. Mais, se agora mesmo se está derivando a Lugo é porque aquí en Burela falta o básico, falta aquilo para atender as patoloxías para as que foi deseñado o centro. Por que se fai a derivación? Porque senón quedarían sen médicos para seren atendidos. O que fan é limitar a ocupación de camas en función de número de médicos.
-E a actitude do SERGAS cal é?
O SERGAS está dicindo que a asistencia sanitaria aos pacientes da Mariña está garantida mais nós dicimos que non é certo. Nós dicimos que a asistencia urxente si está garantida mais a asistencia sanitaria en si, non, porque vemos un número elevado de persoas que non teñen seguemento da súa doenza. Por que? Porque non hai consultas, non se programan, porque non hai facultativos suficientes. Así, doentes que deberan ser revisados logo de tres meses ou seis meses son esquecidos e non os chaman. Estes doentes son vistos despois por Urxencias debido a non teren os coidados que debían recibir.