O SLG denuncia que a DIA da Xunta de Galicia para ampliar a balsa de Alcoa presenta diferentes “anomalías”. O pasado 11 de outubro a Xunta de Galicia publicou unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable para o recrecemento da balsa de lodos vermellos de Alcoa. Unha DIA “singular”, como denuncian ADEGA, Ecoloxistas ou Petón do Lobo. As tres entidades sinalan especialmente o primeiro texto da DIA:
“A avaliación non inclúe os aspectos de seguridade das instalacións, estabilidade xeotécnica, de seguridade e saúde no traballo, de minería, estradas e outros que posúan normativa reguladora e instrumentos específicos e se atopan fóra do alcance da avaliación ambiental, nin todo aquilo que se atopa fóra das cotas (100msnm-104msnm) nas que se pretende a execución do proxecto, nin das canteiras ou zonas de extracción de áridos e pedra, nin os que se deriven da caracterización dos barros a depositar nin dos plans de emerxencias interiores e exteriores.”
Desde o SLG manifestan o seu temor a “se caerá todo, se vai ser seguro para o persoal, se se vai restaurar ou non, se os viais van ser empregados de acordo coa norma, pero polo tema “ambiental”, adiante”. Consideran ademais que “os asinantes non queren a responsabilidade de aprobar por urxencias políticas un proxecto con tantos aspectos pendentes de aclaración”. Sogre isto último, o SLG apunta que durante o trámite ambiental “o departamento de Saúde Pública caracterizou os lodos como irritantes e corrosivos, e polo tanto perigosos, o que podería modificar os informes previamente remitidos polos restantes departamentos consultados”.
O SLG tamén revela que dentro do texto as condicionais e as dúbidas. Especialmente, resaltan que despois dunha semana da catástrofe da DINA en Valencia salientan o seguinte parágrafo da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior:
“Revisada a documentación en relación coa avaliación dos efectos derivados da vulnerabilidade do proxecto ante riscos de accidentes graves ou catástrofes que incidan no proxecto, se estima que son elevados, e polo tanto o promotor do proxecto ten que modificar o Plan de Emerxencia Interior para adaptarse ás novas características do depósito, que será o documento de referencia para a actualización e revisión do Plan de Emerxencia Exterior”.
Desde o sindicato apuntan as consecuencias dunha balsa de lodos como a situada na parroquia de Lago, Xove. Entre as diferentes cuestións están a licuefacción dos mesmos debido a fortes precipitacións, que poidan converter a terra en lama e provocar a caída dese depósito de 100 metros de altura.
O xeólogo Iván Rodríguez Lombardero e coordinador do SLG en Lourenzá pide desmontar a balsa de lodos vermellos pois “vai caer antes ou despois”. “Se non é por un evento catastrófico hoxe será pola falla de mantemento despois de pechar Alcoa ou -o máis frecuente- por unha mestura de ámbalas dúas cousas: un evento excepcional tras un mantemento deficiente.”
Rodríguez Lombardero tamén sinala os apuntamentos da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que informa:
“O proxecto non ten en conta no deseño un sistema que sexa independente dun mantemento activo sine die para garantir a ausencia de impactos unha vez clausurado e abandonada a actividade e o seguimento” e estima que “debe incorporar un deseño que garanta que os impactos, ordinarios ou accidentais, ao longo do tempo, non teñan posibilidade de acontecer, xerando un sistema que non sexa dependente de actuacións antrópicas de maneira indefinida para a súa viabilidade”.
Segundo Lombardero a DIA recoñece que se dá vía libre a un proxecto que requirirá dun mantemento permanente durante séculos sen concretar quen vai asumilo. “Quen pagará esa factura sine die? Como garantir o seu cobro?”, dixo Lombadero. A propia DIA resolve o asunto coa encarga de presentar un proxecto de clausura e restauración definitiva da balsa.
Nese sentido, a fase de abandono da actividade na balsa “remitirase ao órgano substantivo, no prazo de un ano previa a finalización da vida útil das instalacións o proxecto de selado, clausura e rehabilitación das mesmas xunto co pertinente EsIA.” Para o SLG a DIA había unha decisión política da que o propio persoal técnico “non semella querer responsabilizarse mentres todas cruzamos os dedos porque non pase nada”.