InicioMovementos SociaisA Plataforma Sanitaria denuncia que o distrito sanitario está en déficit de...

A Plataforma Sanitaria denuncia que o distrito sanitario está en déficit de servizos básicos

Publicada o

- Advertisement -

A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia que o distrito sanitario da Mariña atópase nunha situación moi deficitaria en relación aos servizos sanitarios básicos en todas as épocas do ano, máisnas épocas estivais agudízanse moito os déficits, xa que a poboación na comarca triplica ou cuadruplica a súa poboación.

Malia que o SERGAS e a Consellería de Sanidade persisten en tentar convencer á poboación de que todo funciona á perfección, a realidade é que a día de hoxe hai centros de saúde onde falta o cen por cen do cadro médico nestes momentos e estase a substituir cunha persoa que realiza actividade asistencial dúas horas , como está a acontecer en Trabada onde hai un ano que se xubilou un dos facultativos e en ningún momento se cubriu esa ausencia; sumándose nestes momentos a falta do segundo facultativo. Na localidade do Vicedo situación de falta de médicas desde hai máis dun ano é insostible e vergoñenta e desde este colectivo esiximos que se lle de resposta inmediata a unha poboación que está a mobilizarse prácticamente todas as semanas pola falta de facultativos No resto de centros de saúde da Mariña a situación é tamén grave xa que non se cubren as ausencias por baixas, permisos ou vacacións, poñéndose parches a costa do persoal que con moi boa vontade cubren as ausencias dos compañeiros ou prolongan a súa xornada. A maiores non contamos con persoal para atender ás persoas desplazadas, o que agrava e magnifica a crítica situación xa existente.

Na atención hospitalaria estamos a sufrir un incremento nas derivacións cara a Lugo para a atención de procesos que deberían ser resoltos no propio hospital da Mariña, pois sumado á decisión da Xerencia de pechar a planta de Medicina Interna, estamos en niveis mínimos de persoal desde hai moito tempo ou incluso con ausencia total de profesionais nalgunha especialidade.

Unha única ambulancia medicalizada para toda a Mariña e na que o goberno da Xunta eliminou o segundo técnico sanitario.

O caso da ambulancia medicalizada na Mariña é outra das eivas que levamos denunciando desde hai anos, xa que a comarca dispón dunha única ambulancia medicalizada para máis de setenta mil habitantes, cifra que se multiplica por catro no verán. Tendo en conta ademáis que esta comarca está moi dispersa en canto a poboación, que se tarda máis dunha hora en percorrela dun extremo a outro, e que a maiores de atender as urxencias no distrito sanitario debe facer certos traslados interhospitalarios, quedándonos nestes casos sen ningún dispositivo durante moito tempo, a conclusión que se pode sacar é que existen tamén serias deficiencias neste servizo. Xunto a estes datos hai que engadir a decisión política de suprimir o segundo técnico sanitario do dispositivo. Esta decisión resultou ser ineficaz , inefectiva e incomprensible, posto que nestas ambulancias son imprescindibles estas dúas persoas técnicas pois cada unha das dúas ten funcións importantísimas que non poden ser asumidas por unha soa persoa, sendo necesario que en moitas ocasións haxa que mobilizar un segundo dispositivo de soporte vital básico que aporte este persoal suprimido.

A Saúde Mental en situación crítica pola falta de persoal e a centralización de dispositivos

O servizo de Saúde Mental da Mariña atópase tamén nunha grave situación de falta de persoal, con adiamentos nas citas dos pacientes , o que está a producir malestar nas persoas que teñen que recibir tratamentos ou ter consultas de seguimento. Na actualidade solo contamos con unha psiquiatra para a atención de máis de setenta mil habitantes pola non substitución dos outros dous profesionais que faltan nestes momentos. Este situación non é máis que a punta do iceberg dun servizo que conta únicamente con dous especialistas en psicoloxía clínica , o que supón menos da metade dos que debería haber se atendemos ás ratios do Estado, xa de por si deficitarias con respecto a Europa. Esta dramática situación fai que as listas de agarda sobrepasen o ano sen posibilidade de poder impartir psicoterapia de xeito apropiado en tempo e forma, co resultado de que moitos pacientes non se poden beneficiar deste tratamento que contribuiría a diminuir as doses de psicofármacos á vez que melloraría significativamente a súa enfermidade.

A decisión do goberno da Xunta de suprimir a área sanitaria da Mariña incidiu de xeito especialmente negativo no servizo de Saúde Mental, centralizándose os recursos humanos e os dispositivos na capital e impedindo que esta comarca poidera contar con un hospital de día infanto xuvenil e dunha unidade de prevención do suicidio, servizos que desde a Plataforma Sanitaria da Mariña entendemos como básicos e fundamentais, e obrigándonos a desplazarnos a Lugo para poder utilizalos.

ÚLTIMAS

O comité de Alcoa espera que a reunión de seguemento sexa “o máis efectiva posible”

O comité de empresa de Alcoa apelou a que a reunión de seguimento, que...

O Concello de Ribadeo declara que se abriron 42 empresas no municipio no último ano

A apertura de negocios segue medrando en Ribadeo, onde se instalaron 42 empresas no...

Xove acenderá a Árbore e Nadal este xoves ás 18:30

A continuación enviamos información acerca da inauguración do Nadal 24-25 hoxe en Xove: O Concello...

O Resurrection Fest completa cartel con grandes grupos como Slipknot, KoRN, Judas Priest e Till Lindeman

O Resurrection Fest anunciou 80 novos nomes que perfilan o cartel definitivo para a edición do...