InicioCentralBurelaPriscila Vasconcelos: "Cando busquei sobre neofalantes na Rede, o primeiro que vin...

Priscila Vasconcelos: “Cando busquei sobre neofalantes na Rede, o primeiro que vin foi Modelo Burela”

Priscila Vasconcelos é profesora en São Paulo, cidade onde levou á práctica un sistema semellante ao Modelo Burela para a integración dos nenos migrantes no seu barrio. Con este coñecemento, foi aplicando unha ferramenta que pouco a pouco abriu portas aos menores inmigrantes no Brasil, sobre todo procedentes de países onde o español é lingua oficial ou que falan nas linguas orixinais.

Publicada o

- Advertisement -

-Como coñeceu o Modelo Burela e por que decidiu estudalo para o seu traballo académico?

Comezou co meu interese polo galego hai uns anos. Durante a miña graduación tiven oportunidade de ter contacto con traballos de sociolingüística sobre o galego, todo grazas á miña orientadora que ademais é directora da Casa de Estudos Galegos da miña Universidade en São Paulo. Coñecín entón o galego a través da universidade e logo por programas de leitorado fun coñecendo máis sobe a cultura galega. Así fixen un estudo sobre a norma padrón do galego e como se estableceu e a norma padrón do portugués brasileiro. Teñen moitas diferenzas mais tamén teñen cousas en común, o galego viña dunha situación de menosprezo e o portugués do Brasil pois a nosa norma é a do portugués de Portugal, o noso portugués é moi diferente ao falado na Europa. Logo están as situacións socioeconómicas que impiden ás persoas estudar máis tempo e non poden aprender as normas da escrita, por exemplo, e así estas persoas quedan afastadas dalgúns espazos de traballo, espazos sociais por non ter aprendido a norma padrón do portugués culto. Entón foi cando xorde a idea de comparar dúas situacións, aínda que moi diferentes, mais con semellanzas. Como é que o galego puido lidar para ter a súa norma e o portugués do Brasil non?

-Cales son eses elementos que impiden unha norma para o portugués brasileiro?

Partimos de que o galego tiña sobre el o español e partía tamén de ser a lingua do local. Nós en Brasil podemos falar no portugués brasileiro mais tamén o noso país é moi grande e ten moitos sotaques por cuestión territorial e de grupos sociais. Mais a idea era que o portugués brasileiro fose unha lingua igualmente válida para ser obxecto de estudo para pequenos na escola, secundaria e a educación superior. Entón pensei en como estudar as linguas dentro de diferentes contextos.

-Como profundou nese coñecemento sobre o galego e a súa norma?

Fun para Santiago onde pasei un mes e case simultaneamente, na mesma época, oín a palabra “neofalante”. Conversei sobre neofalantismo con persoas que coñecían mellor o seu significado, que eu non coñecía ben. Cando voltei para Brasil, pensei que a xerarquía entre maneiras de falar moi afastadas podería ser tratada dentro do termo “neofalante”. Así foi como nunha das primeiras pesquisas que fixen na Internet me achegou ao Modelo Burela.

-Como profundaches neste modelo?

Direiche que en São Paulo temos unha inmigración moi forte, o mesmo que aconteceu en Burela. Hoxe en día a principal inmigración vén doutros países de América do Sur, Bolivia, principalmente desde os 2000 até o de agora. Cando chegan, os seus fillos están en idade escolar e cada quen vén coas súas particularidades. Falan español na casa, mesturan as linguas orixinarias co español ou só falan a lingua orixinaria. Aínda que poida haber certa comprensión entre portugués e español e galego, nas nosas escolas iso non acontece porque ademais da lingua engádense outras barreiras baseados en preconceptos. Cando coñecín o Modelo Burela vin que trataban o inmigrante como neofalante mais cunha lingua estranxeira, está aprendendo e tratar a todos como neofalantes permite aprenderlles mesmo partindo das súas particularidades.

-Como se aplica este modelo dunha vila de 10.000 persoas dentro dunha cidade de 10 millóns de persoas?

Primeiro busquei como se facían as cousas dentro da escola, os pasos e do primeiro que vin foi como se organizaba o modelo. Partíase do alumno, cos pais, cos profesores e coa dirección do centro. Así vaise mirando cada problema de maneira independente e como se pode resolver a cuestión de comunicación. Aplicado aquí debería haber un modelo para cada escola. É un modelo difícil mais non é imposible. Aquí a grande maioría, esmagadora, é boliviana, mais tamén hai de Chile, Paraguay e algún da República Dominicana. A escola está dentro do barrio do Bom Retiro que ten moitas comunidades de diferentes procedencias e o barrio está no centro de São Paulo.

-Cando comezaches este proxecto e cales son os resultados que ves?

Ben, primeiramente quixen coñecer en profundidade o Modelo Burela e dentro del o Poxecto Neo foi a actividade que máis me interesou. Pequenos grupos de nenos crean material oral e desde aí eles teñen un material de estudo dentro da súa fala. Eu comecei en 2019 a reunir bibliogafría sobre Modelo Burela e todo estaba preparado para o primeiro semestre de 2020, mais chegou a pandemia. Así tiven que esperar, mais fun recollendo máis material bibliográfico e cando se puido, fun facendo a parte práctica. Na escola onde o fixen collín un grupo de 40 alumnos, foron divididos en pequenos grupos e ao longo de 12 aulas fomos aprendendo mediante comparacións e tradución de temas. Os temas traducíanos eles, por exemplo comida peruana e eles escollían unha persoa peruana para entrevistala. Así foron aprendendo a gravar e editar o seu podcast que se chama Canutopod.

ÚLTIMAS

Morre tamén a nai da falecida no incendio do Valadouro

A muller de 77 anos trasladada ao Hospital da Mariña polas feridas sufridas no incendio...

ACISA Ribadeo anima ás empresas locais a unirse ao Bono Activa Comercio

Acisa anima ás empresas locais a adherirse ao Bono Activa Comercio da Xunta....

A CAMOVI de Viveiro será unha homenaxe a Ramón Blanco na edición deste ano

O Concello de Viveiro será esta próxima fin de semana o escenario dunha nova...

O sábado 20 de abril comeza a XVII Edición de Ribadeo de Tapeo

Este sábado, 20 de abril, dará comezo o XVII Ribadeo de Tapeo, un dos...