InicioMovementos SociaisCarlos F. Fraga: "Existe unha tendencia dentro das administracións ao “hospitalocentrismo” e...

Carlos F. Fraga: “Existe unha tendencia dentro das administracións ao “hospitalocentrismo” e non lle dan a importancia merecida á atención primaria”

Carlos Fernández Fraga (Lugo) é médico de familia recentemente xubilado. Exerceu os dezaoito primeiros anos da súa carreira profesional en Barreiros e de alí pasou a Burela. Alí foi parte do equipo de titores para futuros médicos e médicas. A súa experiencia profesional levouno a facer un mestrado en coidados paliativos que o transformou nun referente en Galicia dentro deste campo. Mais antes de todo iso, sendo un recén licenciado, foi condenado a servir no exército no Sahara Occidental por cuestións políticas nos últimos tempos do franquismo. Isto fíxolle perder a súa praza de Ourol, mais anos despois puido opositar de novo e gañou a praza en Barreiros.

Publicada o

- Advertisement -

-En corenta e cinco anos na Mariña, cales son os vínculos que o uniron á comarca?

Os vínculos profesionais. Verdadeiramente creo que son unha persoa cunha dedicación profesional moi forte. Noutros ámbitos de participación máis políticos ou sociais tiven menos dedicación.

-Vostede xubilouse con case setenta anos. Isto foi porque quixo, non puido facelo antes ou a súa vocación puido máis?

Si, a miña vocación puido máis. Teño case setenta anos; xa só me quedan uns días para cumprilos.

-Durante todo este tempo (1980-2022), cales foron os principais fitos ou elementos que observou na evolución sanitaria da comarca?

Foi unha época de grandes cambios, de transformación da economía galega, que provocou a migración das vilas e aldeas ás cidades. Ese 20% de persoas que hoxe están traballando no rural, daquela supuña máis dun 50%. O cambio foi moi importante. A agricultura na Mariña desenvolveuse moito, mais a xente nova non tiña espazo nela. Isto fixo que o modelo de familia cambiase moi rapidamente. En vinte anos, de familias moi extensas, cunha relación laboral e de convivencia moi estreita, pasamos a xeracións máis novas que comezaron a buscar traballo fóra. En canto a atención sanitaria, produciuse un cambio de paradigma: pasouse a unha centralización da asistencia, mentres que antes esta se prestaba con médicos de cabeceira e pouco máis. Cando eu cheguei á Mariña, en Burela xa existía un servizo de Urxencias, mais fóra diso non había outra cousa.

-Coñeceu a algún daqueles médicos rurais dos antes da implantación do sistema público de sanidade?

Si, coñecín algúns cando xa se estaban xubilando, como Carlos Beiras, en Ourol ou Cabanela en Mondoñedo. Había un grupo de persoas que tiñan un peso importante tanto culturalmente como desde o punto de vista social entre a xente daquel momento.

FOI UNHA ÉPOCA DE GRANDES CAMBIOS, A TRANSFORMACIÓN DA ECONOMÍA GALEGA, COMO A MIGRACIÓN DAS VILAS E ALDEAS ÁS CIDADES

-Vostede comezou a traballar en Barreiros antes do “boom” turístico. Como era daquela este concello e onde tivo a súa primeira consulta?

A consulta tíñaa primeiramente nunha casa que alugara en San Cosme. Tamén consultei nos baixos da casa do médico de San Cosme até que finalmente se construiu o centro de saúde onde seguín traballando. Nunca tiven consulta privada, sempre traballei para a medicina pública.

-Ás veces terá visto un número importante de xente esperando para pasar consulta. Non houbo momentos de tensión entre as persoas que esperaban?

Non, nunca tiven grandes conflitos coa xente na consulta. Son fillo de médico e sempre vivín ese ambiente. Se as persoas xa te coñecen, saben o que hai: saben que tardas porque tes que tardar, non por andar de folganza por aí. Desde os meus inicios en Barreiros tiven unha relación, en xeral, moi boa coa xente que viña á consulta. Desde logo, sempre hai persoas que se desesperan, mais son moi poucos casos.

-Cando se trasladou para Burela, xa foi directamente para o centro de saúde ou pasou polo servizo de urxencias que había naquel momento?

Non, daquela fora para a Casa do Mar, onde estaba tamén o servizo de urxencias (un servizo independente). Eu vin para Burela porque era a única unidade que se estaba creando como unidade docente da especialidade de medicina familiar. En Burela seguimos sendo o único servizo de atención primaria acreditado para a docencia. Eu fun destinado para aquí de cara á formación dos futuros especialistas.

NUNCA TIVEN CONSULTA PRIVADA, SEMPRE TRABALLEI PARA A MEDICINA PÚBLICA

-Iso foi debido en parte aos dezaoito anos de experiencia en Barreiros?

A min propuxéranme participar na docencia. Nese momento houbo un concurso de traslados e eu participei nel. Aínda así, deixar Barreiros -despois de tantos anos e vínculos que sigo tendo- costoume traballo. Mais daquela pensei que eu podía ser útil no ámbito da formación.

-Como se impartía esa formación para medicina de familia?

Realmente, medicina de familia é como outra especialidade médica. Baséase nunha serie de rotacións que se fan en distintos ambientes relacionados coa especialidade. Os futuros médicos de familia, como residentes, van rotando polas consultas do seu titor de atención primaria e polos servizos doutras especialidades como son medicina interna, como os servizos das diferentes especialidades hospitalarias. A función dun titor é supervisar a formación xeral dos residentes que lle asignan, ou que escollen, porque é unha elección. Así se supervisan todos os aspectos, mesmo os propios da consulta e para iso son establecidos uns períodos cada ano en que os residentes están co seu titor de primaria e outros pois están noutras especialidades como o 061, por exemplo.

FUN PARA BURELA PORQUE ERA A ÚNICA UNIDADE QUE SE ESTABA CREANDO COMO UNIDADE DOCENTE DA ESPECIALIDADE DE MEDICINA FAMILIAR

-Non obstante, vostede desenvolveuse tamén profesionalmente no campo dos coidados paliativos. Quixo especializarse neste campo ou déronse outras circunstancias?

A especialización foi posterior á miña experiencia como médico de persoas maiores. O maior sector dentro dos coidados paliativos é a atención das doenzas crónicas en persoas desta faixa de idade. Cando estaba en Barreiros, a porcentaxe de maiores de 65 anos era do 40%, por tanto, un traballo moi importante que facía era a atención de enfermidades crónicas. Isto levoume a estudar un mestrado en coidados paliativos para capacitarme dentro desta especialidade. Logo xa me fun implicando máis no campo a medida que desenvolvía as miñas tarefas profesionais. Finalmente nomeáronme coordinador do SERGAS para paliativos e tamén presidente da Sociedade Galega de Coidados Paliativos. Dediqueime a esta especialidade até o ano 2016.

-Dedicouse a esta especialidade no Hospital da Costa todo ese tempo?

Non, traballei como paliativista en Burela cando a médica da especialidade no hospital estivera de baixa, logo volvín ao meu traballo. Despois, como coordinador de paliativos de Galicia traballaba primeiro tres días por semana e logo dous en Santiago, en San Lázaro.

-A súa primeira praza ía ser Ourol, mais non a ocupou por cuestións políticas durante o franquismo. Como ocorreu isto?

Durante a etapa universitaria participei no movemento antifranquista. Por este motivo fun expulso da universidade e condenado á cadea por actos de propaganda ilegal. Isto durante o tempo das últimas execucións do franquismo. Fun condenado a ir ao Sahara Occidental. Aínda así, acabei a carreira. Como os antecedentes permanecían, até que non finalizou o período de prevalencia deses antecedentes non me outorgaron a praza que tiña por oposición.

-Estivo preso no Sahara, entón?

Si, estiven destinado nunha unidade de “corrixendos”. Aínda non estaba condenado, senón que foi durante a propia “mili” cando saíu o xuízo e me condenaron. Xa antes do xuízo, suspendéranme a prórroga para facer a “mili” e así foi como me destinaron directamente ao Sahara.

FINALMENTE NOMEÁRONME COORDINADOR DO SERGAS PARA PALIATIVOS E COMO PRESIDENTE DA SOCIEDADE GALEGA DE COIDADOS PALIATIVOS

-Que experiencia tivo nese destino en África?

Pois unha experiencia excelente, moi boa. A “mili” é de por si unha experiencia dura, mais eu non tiven problema ningún nela. Debe ser que eu son tendente a valorar máis o lado positivo das cousas. En xeral, o compañeirismo entre os que alí estabamos era moi grande, pois estabamos moi lonxe das nosas casas nunha situación prebélica coa “Marcha Verde”. Mesmo tiñamos relación coa Fronte Polisaria.

-Aplicou os seus coñecementos de medicina durante o tempo no Sahara?

Si, si, claro. Intentei librarme mais non puido ser. Inmediatamente me destinaron a Atención Sanitaria, o botiquín de Instrución.

-Cando lle levantaron os antecedentes?

Aproximadamente un ano despois de ter aprobadas as oposicións a Ourol. Daquela xa puiden repetir o exame. Hai máis ou menos corenta e dous anos.

-Foi amnistiado?

Non, é que finalizaran os catro anos da última condena, que era posterior á da universidade. Ademais o panorama político xa mudara. Así pois, puiden presentarme á seguinte oposición e gañei a praza.

-Nestes últimos anos estase vendo unha degradación da sanidade pública? Vostede veo así?

Si, claro. Recordemos que a reforma da atención primaria -a de hai agora 50 anos- foi un fito, unha nova maneira de enfocar a atención sanitaria, unha transformación integral. A atención primaria deunos esperanza durante moitos anos, tanto ás familias como aos mesmos traballadores. Nós viamos como as cousas melloraban, como aumentaban os investimentos, como aumentaba a expansión dos centros de saúde, toda aquela dedicación coa creación de novas prazas. Con todo iso mantivemos a esperanza alta durante moito tempo. Mais a partir de 2004 ou 2005 as cousas comezaron a deteriorarse e en 2008 xa se produciu unha inflexión. Foi entón cando comezaron os recortes en Galicia que sempre parecen afectar máis á atención primaria. Existe unha tendencia dentro das administracións ao “hospitalocentrismo”. Manteñen a atención primaria, mais non lle dan a importancia que necesita. O deterioro da atención primaria repercute directamente na saúde da xente e no funcionamento dos hospitais. Estes acaban por saturar e reciben pacientes con patoloxías máis difíciles de resolver ou polo menos de aliviar.

FUN CONDENADO A IR AO SAHARA OCCIDENTAL NA ‘MILI’, AÍNDA ASÍ, ACABEI A CARREIRA, MAIS OS ANTECEDENTES PERMANECÍAN

-Todo isto supón un retroceso na atención sanitaria. Prodúcese un cambio para peor?

O que se produce é unha situación de precariedade permanente que crea unha inseguridade permanente, un dos maiores problemas a tratar dentro da saúde. A xente quere ter certa seguridade; quere estar certa de que, se necesita algo, ten con quen contar.

-En todos os anos como médico en Burela, un porto de mar, tivo que enfrontarse algunha vez con doenzas propias do traballo no mar?

A xente que vivía na costa traballaba máis unha parte do ano na baixura cando o tempo o permitía, aínda que logo tiñan os seus terreos para autoconsumo, agricultura de subsistencia. Por tanto, desde os anos setenta aquí non houbo xente que botase grandes mareas, das moi prolongadas. Mesmo hai poboacións na Mariña que estando ao pé do mar, a penas tiveron relación con el. En lugares como Islandia ou Irlanda botaban case toda a vida fóra, só volvían en vacacións. Esa situación apenas se deu aquí.

HAI UNHA SITUACIÓN DE PRECARIEDADE PERMANENTE QUE CREA UNHA INSEGURIDADE PERMANENTE, UN DOS MAIORES PROBLEMAS A TRATAR DENTRO DA SAÚDE

-Como afrontou os anos da pandemia?

A miña experiencia foi boa en xeral en comparación con moitos compañeiros que morreron no ámbito dos paliativos en Madrid e en Cataluña tamén. Iso produce tristeza, mais surxiu unha resposta da xente de aquí que non apareceu nos papeis. Ver como a xente se axudaba, ver como nada máis se detectaban necesidades se poñían remedios, como se estableceu unha colaboración entre sanitarios e concellos. En Burela o instituto de FP pasounos todas as máscaras que deron fabricado. O Concello favoreceu crear unha oficina para dar apoio a xente que estaba na casa para subministrarlles medicinas, é dicir, viches como unha situación se poñía difícil, mais a resposta foi moi grande en xeral. Mobilizou o mellor das persoas, desde logo.

-A que vai dedicar o seu tempo agora? Ten pensado realizar novas actividades ou será tempo sabático ao cen por cen?

Cousa sabática non porque realmente teño outras tarefas coas que distraerme. Estudo, lectura, pequenos traballos da casa, non creo que me aborreza. Outra cousa é que non sei como participarei no ámbito de apoio á saúde, iso está un pouco no aire. Aínda estou emocionado polo ocorrido no último día de traballo, cando os pacientes fixeron unha despedida. Iso é algo que non se pode esquecer. Seguramente faga algo dentro da saúde comunitaria.

ÚLTIMAS

Alcoa di que achegará 120 millóns mentres o persoal pide seguridade nos postos de traballo

O comité de Alcoa San Cibrao informa de que a compañía lles trasladou que...

Foz elixe esta fin de semana o rei ou raíña do Entroido

Esta fin de semana o concello de Foz está cargado de actividade, con teatro...

As Festas de San Roque xa teñen comisión

O Concello de Viveiro celebra que unha comisión se encargue da organización das festas...

A Biblioteca Viejo Pancho de Ribadeo galardoada no concurso María Moliner

A Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo, resultou galardoada no Concurso de Proxectos...