InicioM.ambiente e PatrimonioO gran proxecto de Argos en Ribadeo: crear o primeiro parque arqueolóxico...

O gran proxecto de Argos en Ribadeo: crear o primeiro parque arqueolóxico subacuático de Galicia

O equipo de arqueólogos, submarinistas e documentalistas quere sacar rendemento do patrimonio histórico que ocultan as augas da ría entre os que se atopan restos de numerosas épocas, o máis antigo, unha ánfora grega.

Publicada o

- Advertisement -
As augas de Ribadeo son un tesouro. Un tesouro que hai que conservar e poñer en valor. Por iso a asociación de actividades subacuáticas Illa Pancha de Ribadeo e, especialmente, os membros que integran o proxecto arqueolóxico Argos queren poñer en marcha actividades que xeren riqueza a Ribadeo e á comarca da Mariña aproveitando o que ocultan as augas da ría.

Entre estes proxectos está o de facer un parque subacuático na ría “que poida ser gozado por submarinistas”. Unha idea que se podería sumar ao Camiño do Mar subacuático que tamén impulsa a Xunta como un traxecto diferente dos camiños tradicionais a Santiago dentro do Programa do Xacobeo.

“En calquera sitio no que teñamos patrimonio subacuático temos que gozar del porque representan parte das nosas orixes“, asegura o arqueólogo especializado en patrimonio submariño David Fernández Abella que salienta a riqueza histórica que ocultan as augas da ría de Ribadeo.

O equipo Argos ten localizado xa restos arqueolóxicos de todo tipo; cerámica, madeira, vidros. “Serven de rexistro históŕico do que foi a actividade da ría”, apunta David Fernandez destacando a importancia que nese comercio tiña Ribadeo, como “porto máis importante”, e logo outros como Vegadeo ou Castropol.

PEZAS DE MOITAS ÉPOCAS

De feito, nas augas da ría se teñen atopado obxectos de todas as épocas, o máis antigo, unha ánfora grega, pero tamén hai pezas de distintas épocas, principalmente, a partir do século XVI. Ademais do famoso galegón de Ribadeo, tamén se atoparon restos doutros pecios, un deles documentado nas últimas semanas. Tamén nos últimos días deron conta da aparición de novos canóns que estaban sen documentar e que son doutro pecio. “Son pezas dun puzle histórico que hai que documentar”, apunta o arqueólogo nunha entrevista na Cadena Cope.

Argos Arqueología ten arqueólogos e conservadores, que son os que avalian a conservación dos obxectos “in situ”, é dicir, baixo as augas. En xeral, os obxectos cerámicos están ben conservados, pero outros teñen máis problemas, principalmente, a madeira. Tamén as correntes e dragados modifican as condicións e o estado de conservación destas pezas.

“Por iso facemos monitorización dos restos para que non se movan do seu contexto arqueolóxico e para que se poidan valorar no seu contexto orixinal que é baixo auga”, indicou.

O arqueólogo de Argos Arqueología David Fernańdez Abella / jornadasarqueologicasuvigo.blogspot.com

XUNTANZA CO CONSELLEIRO

Precisamente, este mércores, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o deputado autonómico Daniel Veiga recibían no Parlamento de Galicia aos membros da asociación de actividades subacuáticas Illa Pancha de Ribadeo e a outros membros que integran o proxecto Argos.
Son arqueólogos, restauradores e mergulladores que están a levar a cabo a súa segunda fase de estudo da riqueza patrimonial da Ría de Ribadeo para a súa difusión tanto científica como social. Tamén forman parte do proxecto, fotógrafos e operadores de cámara responsables da captura de imaxes debaixo da auga, dirixidas á realización dun documental e dunha exposición fotográfica que, según avanzou o conselleiro, contará coa axuda da Xunta.

ÚLTIMAS

Alcoa di que achegará 120 millóns mentres o persoal pide seguridade nos postos de traballo

O comité de Alcoa San Cibrao informa de que a compañía lles trasladou que...

Foz elixe esta fin de semana o rei ou raíña do Entroido

Esta fin de semana o concello de Foz está cargado de actividade, con teatro...

As Festas de San Roque xa teñen comisión

O Concello de Viveiro celebra que unha comisión se encargue da organización das festas...

A Biblioteca Viejo Pancho de Ribadeo galardoada no concurso María Moliner

A Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo, resultou galardoada no Concurso de Proxectos...