InicioM.ambiente e PatrimonioIntervención de "emerxencia" nas cubertas do mosteiro de Lourenzá

Intervención de “emerxencia” nas cubertas do mosteiro de Lourenzá

Aínda que o estado de conservación dos muros e claustros "é bastante bo", sinala o bispado, o deterioro dos tellados supón nalgunhas zonas "un serio risco" para o edificio

Publicada o

- Advertisement -

O mosteiro de San Salvador de Lourenzá, un dos principais monumentos da diocese mindoniense, está sendo obxecto dunha “intervención de emerxencia“, segundo anunciou a través dun comunicado o bispado de Mondoñedo-Ferrol.

O estado do monumento, sen uso desde hai anos e considerado Ben de Interese Cultural (BIC) desde 1974, preocupa desde hai tempo. Segundo recoñece o bispado, “aínda que o estado de conservación dos seus muros e claustros é bastante bo, as cubertas presentan desde hai anos nalgunhas zonas un estado moi deficiente, supoñendo un risco serio para a conservación do inmoble”.

A intervención farase “sobre as partes máis afectadas, que son os corpos norte de ambos claustros e o corpo leste do claustro do Salvador, cunha superficie aproximada de 1.450 metros cadrados”, concreta a nota. As actuacións consistirán “no desmontado progresivo e ordenado da cuberta, conservando a estrutura de madeira existente”. Se durante as obras se observase “que algún dos elementos pode ter a súa estabilidade comprometida, procederase ao seu apuntalamento; e se algún elemento de madeira estivera solto, poderá retirarse e procederase ao seu almacenamento no propio mosteiro para a súa posterior reutilización”, explica a mesma fonte.

Ademais, “procederase á reposición de todos os elementos danados no muro con nivelación, retacado e reposición de cachotería ordinaria derruída nas súas cabezas onde sexa necesario. Dado o carácter provisional destas actuacións de urxencia, a cubrición realizarase con chapa metálica, de cor similar á lousa, coa única finalidade de evitar as filtracións de auga e alixeirar o peso da cuberta sobre os muros”, concreta o bispado.

ORZAMENTO DE 126.000 EUROS

A intervención busca “protexer o edificio mentres se leva a cabo a redacción do proxecto de renovación integral das súas cubertas e se procura a financiación que permita acometer esa obra. O orzamento previsto ascende a 126.223,07 euros”, expoñen desde a Diócese Mondoñedo-Ferrol.

A actuación, conclúen, conta co preceptivo permiso e está coordinada coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, “no marco da comunicación que a diocese mantén desde hai tempo, tanto coa Dirección Xeral coma co Concello de Lourenzá, sobre a conservación do conxunto formado pola igrexa e o mosteiro e sobre os posibles usos deste”.

ÚLTIMAS

Desconto do 80% na factura da luz para 500 familias que viven arredor do parque eólico de Mondigo

Unhas 500 familias nun radio de dous quilómetros ao redor do parque eólico de...

A ampliación do Hospital da Mariña avanza con 33,5 millóns e máis espazo en urxencias, UCI e consultas

O Hospital Público da Mariña continuará coa súa ampliación a través das fases 2...

Ribadeo contará cun novo solo residencial para 300 vivendas, a maioría protexidas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este luns a delimitación dun novo ámbito...

José Leal: “O Cantábrico galego estaba moi esquecido na historiografía galega, por iso quixen escribir sobre el”

-Por que escribiches este traballo sobre a pesca no Cantábrico de Lugo? Sobe o Cantábrico...