O BNG de Viveiro pide ao Concello que inicie unha campaña informativa polas parroquias para dar a coñecer a veciños e propietarios de mancomunidades os pormenores do plan municipal contra incendios, aprobado esta semana no pleno.
É dunha das tres peticións que formula a formación nacionalista ao goberno local viveirense en relación con este documento, que considera “importantísimo para toda a veciñanza, xa que se van poñer en marcha unha serie de normas de obrigado cumprimento, como son o mantemento das faixas de protección eliminando especies arboreas non permitidas”.
A concelleira do partido frontista, Míriam Bermúdez, considera que na sesión plenaria “o Concello non deu explicación do que vai supoñer este proxecto e os voceiros da oposición apenas interviron; cremos que esta omisión de información responde a que o goberno local quere evitar polémicas cunha parte da veciñanza”, argumentou.
Neste sentido, remarca que “non tivemos resposta” do goberno municipal, pero “instaremos as veces que fagan falta ao PSdeG-PSOE para que dea a coñecer o documento coa intensidade que merece”, expón Bermúdez.
A concelleira do Bloque esgrimiu outras dúas propostas en relación co plan para previr incendios forestais. En segundo lugar, o BNG reclama “instalar na web municipal un visor dos planos para poder ver as parcelas afectadas”; ademais, “buscar vías de colaboración cos veciños para tramitar as solicitudes das axudas de Seaga, nas que se lles ofrece un prezo de 350 euros por cada faixa de seguridade”.
RECLAMA AO EXECUTIVO MUNICIPAL UN POSICIONAMENTO SOBRE O PARQUE PERNAS PEÓN
Bermúdez afeoulle a actitude ao goberno municipal sobre a moción presentada para a rehabilitación do Parque Pernas Peón, a fin de que o espazo contase cun circuíto de terra batida, “unha das principais demandas das asociacións deportivas de Viveiro”, argumentou. A concelleira nacionalista requeriu ao executivo municipal “un documento, un proxecto” de recuperación deste lugar emblemático, posto que sen unha folla de ruta “non poderemos coñecer o orzamento necesario, a fin de reservar unha partida” e “o único que quedará será a improvisación”. Neste sentido, acusou ao Concello de bloquear as súas iniciativas, “poñendo o rédito político por diante con tal de non aprobar unha moción doutra forza”.