InicioM.ambiente e PatrimonioAs Catedrais aguanta como "imán turístico" da Mariña con 153.795 visitantes en...

As Catedrais aguanta como “imán turístico” da Mariña con 153.795 visitantes en verán, un 18% menos

As visitas ao monumento natural resentíronse en xullo por mor do brote e do peche da comarca, pero en agosto mantivéronse en cifras similares ás do pasado exercicio

Publicada o

- Advertisement -

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que o Monumento Natural das Catedrais segue a ser “o imán turístico” da Mariña, xa que –a pesar das circunstancias sociais que caracterizan este verán- no mes de agosto rexistrouse practicamente o mesmo número de autorizacións que no pasado ano.

A conselleira manifestou que a crise sanitaria da Covid-19 modificou as pautas do turismo, non só de Galicia senón de todo o mundo; polo que estes datos poden considerarse “positivos e bos, sempre analizándoos dentro do contexto actual, marcado por unha diminución importante do fluxo de visitantes debido á crise sanitaria provocada polo coronavirus“.

Así, o número total de autorizacións emitidas para visitar o Monumento Natural das Catedrais nos meses de xullo e agosto eleváronse a 153.795, un 18,16% menos que no mesmo período que no 2019. Aclarou que a baixada rexistrouse principalmente no mes de xullo, debido ás restricións de acceso establecidas nesta comarca.

Vázquez salientou que esta demanda turística “é a proba máis evidente” de que Galicia, e A Mariña en particular, “ten a sorte de ofrecer unha rica alternativa turística que permite realizar actividades ao aire libre, en espazos abertos e, polo tanto, con moitos puntos a favor neste contexto recente marcado polas precaucións sanitarias que se deben cumprir”.

MEDIDAS DE SEGURIDADE

Nese sentido, a responsable de Medio Ambiente recordou que para facilitar as visitas, e que estas se realizaran seguindo as recomendacións establecidas polas autoridades sanitarias, a Consellería introduciu unha serie de cambios para garantir o distanciamento social, como organizar a subida e a baixada ao areal mediante quendas, priorizar a lectura de códigos QR en formato dixital, no canto de papel; e aconsellouse aos visitantes circular pola dereita nos camiños e pasarelas, como sentido prioritario. O Concello de Ribadeo, ademais, dispuxo o pago dun euro nos baños para contribuír a unha desinfección sistemática das instalacións, unha vez por cada uso.

Ademais dos socorristas cofinanciados por Xunta e goberno municipal, doce traballadores e un axente medioambiental traballaron na zona, encargándose de controlar as autorizacións de acceso, supervisar o aparcadoiro e realizar as visitas guiadas; así como dos propios visitantes e turistas que se acercaron a este enclave natural, xa que non se rexistraron incidencias destacadas e cumpriron en todo momento coas indicacións e recomendacións establecidas.

25.979 PERSOAS PASARON POLAS OFICINAS MUNICIPAIS

O Concello de Ribadeo fixo balance deste verán no que un total de 25.979 persoas pasaron polas oficinas de turismo da vila e da praia das Catedrais. O concelleiro, Pablo Vizoso, sinalou que “foi un verán atípico marcado polo confinamento que sufriu a comarca da Mariña en xullo, pola ausencia de grupos organizados e pola presenza testimonial de peregrinos”. Segundo os datos que manexa o Concello a ocupación hoteleira en xullo roldou entre o 25% e o 50% mentres que en agosto situouse no 75%, aínda que houbo días nos que chegou ao 90%.

ÚLTIMAS

O goberno local de Foz critica que o voceiro do PP “minta só para conseguir un titular”

A portavoz do goberno local socialista de Foz e concelleira de Facenda, Inés López...

A Deputación asume o financiamento da residencia de maiores de Ribadeo

Concello de Ribadeo e Deputación de Lugo asinaron este venres o convenio polo...

Cervo asume gran parte do incremento de prezos da residencia municipal

O Concello de Cervo comprométese a asumir gran parte do impacto que implica o...

Burela reforza recursos ante emerxencias cardíacas con novos desfibriladores

O Concello de Burela continúa reforzando os seus medios de resposta ante emerxencias cardíacas...