InicioM.ambiente e PatrimonioTres audioguías de Chévere informarán dos cascos históricos

Tres audioguías de Chévere informarán dos cascos históricos

Viveiro, Ribadeo e Mondoñedo son as primeiras localidades da Mariña que disporán deste servizo

Publicada o

- Advertisement -

A Mancomunidade de Municipios da Mariña presentou hoxe tres audioguías ficcionadas sobre os cascos históricos de Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro. As gravacións, protagonizadas polo grupo de teatro Chévere, narran historias ligadas aos espazos por onde discorre o paseo.

As audioguías, segundo expón o dossier explicativo, son un recurso utilizado con frecuencia no ámbito turístico, un complemento das visitas con guía e teatralizadas. Pero se estas requiren a adaptación a un horario obrigado, as audioguías permiten o seu uso de xeito individualizado, segundo conveña ao usuario.

HISTORIAS DE CUNQUEIRO OU MARUJA MALLO

Chévere, con 30 anos de experiencia e actores como Miguel De Lira, Patricia de Lorenzo ou Pepe Penabade, dará un toque diferente a esta experiencia. A gravación de Mondoñedo está baseada en Álvaro Cunqueiro; a de Ribadeo, no legado indiano; a de Viveiro inclúe personaxes como Maruja Mallo ou Nicomedes Pastor Díaz. Todas durarán arredor de 45 minutos.

A idea é achegar un método diferente e entretido de que o turista poda coñecer a historia das cidades da Mariña. “Imos darlles información de primeira man dunha forma atractiva, coa fin de potenciar a bisbarra”, asegurou o presidente do colectivo de municipios, Alfredo Llano. “Aínda que sabemos que a máxima concentración de visitantes será en verán, queremos que a nosa comarca sexa atractiva desde xaneiro a decembro, durante todo o ano. Así que imos tratar de impulsar o turismo cultural, xeolóxico, etnográfico”, afirmou.

TRES IDIOMAS

As audioguías que presentou a mancomunidade están gravadas en galego, e serán traducidas ao castelán e ao inglés. “Trátase de facilitar a calquera persoa, de onde sexa a súa procedencia, estas visitas teatralizadas”, indicou Llano. A intención é tamén ampliar o número de lugares do programa. “Os cascos históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro van ser os tres iniciais, pero hai que ter en conta que hai moito que ver en todos os concellos da Mariña”, avanza o presidente da agrupación.

A Mancomunidade de Municipios da Mariña levou a cabo este proxecto grazas ao convenio coa Deputación Provincial de Lugo. O colectivo presentou as audioguías en Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro.

ÚLTIMAS

José María Leal: “O marqués de Sargadelos foi socio de corsarios”

-A súa palestra sobre 'pirataría ao corso' fala sobre dúas figuras que se confunden...

Tres acusados dun homicidio imprudente en Alcoa en 2017 aceptan un ano de prisión e un cuarto enfróntase a dous anos

Catro persoas sentáronse este mércores no banco dos acusados do xulgado do Penal 2...

O propietario de Sargadelos volve pedir o peche das instalacións

O dono de Sargadelos, Segismundo García, criticou aos sindicatos que este martes se reuniron...

Ribadeo licitará as obras de mellora en dous pavillóns deportivos

Ribadeo licitará nos vindeiros días as obras de mellora en dous pavillóns deportivos: o...