O Boletín Oficial do Estado (BOE) e o Diario Oficial de Galicia (DOG) publican este mércores a listaxe das 113 parcelas con dono sen identificar que están a incumprir a lei de incendios de Galicia no municipio de Ribadeo. O goberno local tenta deste xeito atopar aos propietarios destes terreos, que non manteñen as faixas de protección que estipula a normativa, de alomenos 50 metros entre as especies pirófitas –eucalipto, piñeiro, acacia– e as vivendas.
15 DÍAS DE PRAZO
O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, sinala que os titulares desas propiedades “dispoñen de 15 días naturais para cumprir cos requisitos que establece a lei”. O rexedor lembra que, se os propietarios non teñen as súas parcelas acorde coa normativa, o Concello “executará a limpeza das mesmas de forma subsidiaria”, con cargo aos donos, que ademais deberán custear o investido no helicóptero utilizado para revisar os terreos.
o goberno local advirte aos titulares que teñen 15 días naturais para limpar os montes
O goberno local enviou a principios do pasado mes de agosto os requerimentos aos propietarios das 405 parcelas do municipio que non están ao día coa lei de incendios. En 113 casos, indica o rexedor, “os datos rexistrados no Catastro non están actualizados ou figuran a nome de persoas que xa están falecidas ou a nome de herdeiros, e con estes datos o servizo de Correos non entrega as cartas. Iso non é culpa nosa, de xeito que facemos o que procede en dereito administrativo, a notificación a través do BOE e do DOG”.
“HAI MOVEMENTO”
O Concello si identificou aos donos de 292 terreos. O rexedor explica que, desde a chegada dos requerimentos, “hai moita xente que nestes días está a cumprir. Algúns fan alegacións indicando que xa teñen vendida a madeira, pero que o madeirista aínda non lles puido ir cortar ou que lles está cortando. Hai movemento e iso é positivo para todos”, subliña.
o alcalde sinala que desde o envío dos requerimentos “houbo moita xente que cumpriu”
Suárez Barcia reitera a súa petición de que a veciñanza cumpra “coas súas obrigas, porque se non habémolo facer desde o Concello como unha vía subsidiaria. Non queremos chegar a iso pero queremos dicirllo outra vez a todo o mundo para que non haxa ningún problema, e ademais por respecto a todos aqueles propietarios que si cumpriron e están cumprindo”, concluíu.