InicioM.ambiente e PatrimonioO parque eólico de Pena Ventosa achegará 1,2 millóns anuais a O...

O parque eólico de Pena Ventosa achegará 1,2 millóns anuais a O Vicedo

A Xunta autoriza a construción da instalación, que Endesa comezará "en breve" cun investimento de 7,9 millóns

Publicada o

- Advertisement -

A Xunta de Galicia tramitou a autorización da construción do parque eólico reformado Pena Ventosa, ubicado no Vicedo. Así, a empresa promotora, Endesa, comezará “en breve” o levantamento da instalación, cun investimento de 7,9 millóns de euros.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria deu o visto e prace ao novo parque, que terá unha potencia contrastada instalada de oito megavatios (MW). A instalación terá catro aeroxeradores de dous MW fabricados en Viveiro. Cada un dos muíños contará cun rotor tripala de 90 metros de diámetro, sobre unha torre de 78 metros de altura. A enerxía que produza encamiñarase á subestación de Pena Ventosa, que se alimenta nestes intres dunha liña xa en servizo.

No tocante ao beneficio económico que suporá a instalación para as arcas do municipio vicedense, a empresa promotora achegará 1,2 millóns de euros en concepto de impostos locais e canon eólico.

No tocante ás vantaxes medioambientais da instalación, Endesa calcula que a produción eléctrica do novo parque evitará cada ano a emisión á atmosfera de 15.479 toneladas de dióxido de carbano (CO2), 35 toneladas de dióxido de xofre (SO2) e 44 toneladas de óxido nitroso (NOx).

EMPREGO

Tanto a empresa como o Goberno galego destacan que o proxecto suporá a creación de 48 empregos na súa fase de construción, aos que cómpre engadir outros dous de operación e mantemento nos seus trinta anos de vida útil.

PRESENTACIÓN

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o alcalde do Vicedo, Jesús Novo, desprazáronse ata o lugar do Carranco, ao este da Serra da Faladoira, onde estará emprazado o futuro parque. Alí foron recibidos polo director xeral de Endesa na zona Noroeste, Miguel Temboury, polo responsable de Desenvolvemento de Negocio de Enel Green Power España no Noroeste, Manuel Gago, e por Luis Ovalle, encargado da execución de proxectos.

A PROVINCIA, LÍDER

Balseiro asegurou que a provincia de Lugo liderará o desenvolvemento eólico galego nos próximos anos. De feito, explicou que esta provincia agrupa o 62% dos proxectos que xa foron declarados de especial interese (16 en total), entre os que se atopa o que hoxe se presenta.

ÚLTIMAS

Ampla oferta da UNED de Viveiro para o curso 2026/2027 con formación adaptada a varias etapas vitais

A Aula Universitaria da UNED en Viveiro encara o inicio do novo curso académico...

A Academia Xacobea incorpora a John Rutherford e Manuel Valín, ambos moi vinculados a Ribadeo e á Mariña

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou este domingo na sesión da...

Cortes na estrada de Xove ao Portiño de Morás por obras do 13 ao 16 de outubro

A Deputación de Lugo informou de cortes na LU-P-2601 desde o martes 13 de...