InicioM.ambiente e PatrimonioAs visitas repuntan nas Catedrais, que recibiu en xullo 20.000 persoas menos

As visitas repuntan nas Catedrais, que recibiu en xullo 20.000 persoas menos

Nos dez primeiros días de agosto rexistráronse a metade de visitantes ca en todo o mes pasado

Publicada o

- Advertisement -

As Catedrais recibiu en xullo, segundo a Consellería de Medio Ambiente, 79.950 persoas, unhas 20.000 menos ca no mesmo período do 2017, cando se achegaron ao monumento natural máis de 100.000 visitantes.

O areal acolleu durante o mes pasado a unha media de 2.600 persoas ao día, lonxe do límite de autorizacións estipulado pola Xunta de Galicia, con 4.812 permisos por xornada. Fontes da consellería atribúen ás “adversas condicións climatolóxicas” o descenso do número de visitas en xullo.

do día 6 ao 9 e do 13 ao 15 completouse o límite de prazas que concede a xunta

Con todo, a afluencia en agosto está a repuntar. Nos dez primeiros días do mes alcanzouse case a metade de visitas rexistradas en xullo: 39.548. Entre o luns 6 e o xoves 9 e o luns 13 e o mércores 15 completouse o cupo de permisos que concede o Goberno galego, e para este xoves tampouco hai prazas.

ACCESO REGULADO

Medio Ambiente encárgase de regular o acceso durante dous períodos concretosSemana Santa e de xullo a setembro-, cando o número máximo de persoas que poden acceder ao areal no momento de baixamar é de 4.812 ao día.

Esta cota foi establecida no plan de conservación da praia das Catedrais de 2015, despois dun “exhaustivo informe de expertos”, segundo defenden fontes do departamento encargado do devandito control.

TRAXEDIA EN MARZO

A morte en marzo dunha moza de 25 anos ao caerlle unha pedra na cabeza cando estaba no interior dunha das covas provocou críticas. O catedrático de Xeografía Física da Universidade de Santiago de Compostela, Augusto Pérez Alberti, argumentou nese momento que o número máximo de visitantes é “excesivo” e calculou que “até 800 serían moitos“.

INVESTIGADORES CUESTIONAN O CUPO DE 4.812 VISITAS AO DÍA E SINALAN QUE “800 XA SERÍAN DEMASIADAS”

As Catedrais, recoñecida pola revista ‘National Geographic‘ como unha das mellores praias de Europa e famosa polas súas covas e arcos, é unha paraxe natural que está en constante cambio, polo efecto da erosión mariña sobre os seus cantís de lousa e esquito.

Dita erosión, xunto á presión humana, produce que os cantís das Catedrais sexan “inestables” e o risco para os visitantes “recae no posible desprendemento de materiais rochosos desde o taul“, segundo apunta o informe xeolóxico de setembro de 2017, que elaborou o investigador José Ramón Vidal Romaní a petición da consellería.

MÁIS CARTELARÍA, MESMO PERSOAL

Tralo accidente, o departamento realizou cambios na cartelaría. A modificación baseouse nun reforzo dos carteis xa existentes, nos que se lembran os riscos que supón acceder a determinadas zonas e reitérase a prohibición de circular fóra das áreas autorizadas.

En concreto, a nova cartelaría instalada consiste en tres planos informativos, con información sobre advertencias, riscos, recomendacións e prohibicións; oito de prohibición de circular fóra dos itinerarios -camiños non habilitados-; e dous direccionais, con frechas para indicar o sentido do camiño.

DESDE A MORTE DUNHA RAPAZA AO CAERLLE UNHA PEDRA NA CABEZA, EN MARZO, NON SE REFORZOU O PERSOAL DE VIXIANCIA

Deste xeito, o servizo de vixilancia de control de accesos, dependente do departamento autonómico, segue sendo o mesmo. Un operativo de 12 persoas está presente durante o período de limitación de visitantes e está composto por catro educadores ambientais, catro controladores de aparcadoiros e catro acodes de control de acceso ao areal.

Adicionalmente, hai tres voluntarios pertencentes a un programa europeo de voluntariado ambiental que realizan labores de información, e sempre hai un axente ambiental na praia que vela polo cumprimento das normas.

“AUTORRESPONSABILIDADE DO VISITANTE”

Aínda que as administracións implicadas neste caso –Consellería de Medio Ambiente, Costas e Concello de Ribadeo– “teñen unha responsabilidade á hora de advertir dos riscos e da necesidade de extremar as precaucións”, os visitantes teñen unha parte de “autorresponsabilidade” que “aceptan explicitamente” ao solicitar a autorización para ver As Catedrais, subliñan fontes da Xunta.

Na propia autorización, detalla os riscos que entraña a visita á zona natural e advirte ao final do documento de que “o risco debe ser asumido polo visitante baixo a súa responsabilidade”.

as autorizacións que asinan os visitantes advirten do risco que corren

Así mesmo, a consellería incide en que a súa administración ostenta “única e exclusivamente competencias en materia de protección e conservación do monumento natural desde o punto de vista ambiental”, polo que o obxectivo da súa xestión é a “preservación do espazo e a conservación dos valores que motivaron a súa declaración como monumento natural”.

Doutra banda, o Goberno estatal exerce a través da Demarcación de Costas de Galicia as súas competencias de protección do litoral, por ser un lugar de dominio público marítimo-terrestre.

Mentres, o Concello de Ribadeo é a entidade encargada da seguridade das persoas que visitan o areal. O goberno local ten un servizo de socorrismo, formado por catro membros que vixían durante os períodos de baixamar, técnicos sanitarios, unha xestión de danos e un posto de información.

EN OUTUBRO, NOVO INFORME

En total, as cifras de visitas deste mes de agosto mostran que a tendencia é parecida ao ano pasado, previa ao accidente, despois do cal a Xunta encargou un segundo informe de avaliación previsto para outubro deste ano para o plan de conservación.

en outono haberá unha nova avaliación para afianzar o plan de conservación

Antes da aplicación do plan en 2016, a afluencia de visitas non estaba controlada e, por exemplo, en agosto de 2014, o Concello de Ribadeo chegou a rexistrar unhas 270.000 visitas, o que supuña unha media de 8.700 persoas ao día, o dobre das permitidas actualmente durante os períodos regulados.

Así, a praia de Augas Santas, como a coñecen os ribadenses, converteuse nos últimos anos nun atractivo turístico en Galicia.

ÚLTIMAS

Foz inviste case 98.000 euros en mellorar camiños de San Martiño e Santa Cilla

O Concello de Foz iniciou os traballos de arranxo de camiños nas parroquias de...

Burela levará a pleno unha nova ordenanza sobre venda ambulante

O Concello de Burela debatirá no vindeiro pleno municipal o texto dunha nova Ordenanza...

Festa labrega en Landrove para este venres coas Olimpiadas Rurais

A parroquia de Landrove será o escenario esta fin de semana da VIII edición...

O comité de Alcoa retomará mobilizacións

O comité de empresa de Alcoa retomará mobilizacións ante a ameaza de despedimentos en...