InicioM.ambiente e PatrimonioTecedoras da Mariña, homenaxeadas nunha exposición de artesanía en Lugo

Tecedoras da Mariña, homenaxeadas nunha exposición de artesanía en Lugo

As redeiras de Burela ou a memoria de Josefa Blanco, costureira das velas de Asteleiros Fra, e Leónides Gómez, palilleira de Foz, foron recoñecidas pola Deputación

Publicada o

- Advertisement -

A Capela de Santa María de Lugo acolleu esta tarde a inauguración do proxecto-exposición Tecer para Crer, da Deputación de Lugo, que reúne algunhas das mellores mostras do traballo das mulleres dos oficios do tecido na provincia, entre elas, as das redeiras Cabo Burela.

Colchas, mantas e outros tecidos elaborados con distintas técnicas e materiais tradicionais en distintas puntos da provincia forman parte da exposición organizada polo Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) que se poderá ver nese espazo ata o vindeiro 26 de abril.

PIONEIRAS

A inauguración serviu como acto de recoñecemento do labor realizado por mulleres artesás que foron pioneiras nos oficios do tecido, unha tarefa que ata ben entrada a segunda metade do século XX foi de vital importancia no sustento do fogar e a economía da Galicia rural. Así, lembrouse e distinguiuse a tecedoras, fiandeiras, palilleiras e redeiras de distintas épocas e xeneracións.

O repaso á historia do tecido na provincia comezou co recordo de Josefa Blanco Illade, de San Cibrao, que cultivaba o liño, fiaba, tecía e cosía as velas dos barcos dos asteleiros Fra na primeira metade do século XIX. Continuou cunha lembranza a Edelmira Suárez García, mestra das redeiras de Burela, e un recoñecemento ás mulleres da Asociación Cabo Burela que manteñen o oficio; ou a Leónides Gómez Basanta, de Foz, mestra de palilleiras.

Entre as 45 artesás distinguidas, estiveron tamén as mulleres da Asociación de San Bartolomeu de Insua, que levan máis dunha decada traballando para poñer en valor o proceso do liño, e fiandeiras e tededoras da Montaña e da comarca de Sarria.

Especial protagonismo tivo Miriam Fernández Otero, sucesora dunha das familias de tecedoras máis recoñecidas da Terra Cha e exemplo da transmisión interxeneracional destes oficios.

OFICIOS “POUCO DOCUMENTADOS”

O deputado de Artesanía e Deseño, o nacionalista Efrén Castro, que participou no acto xunto á Vicepresidenta, Maite Ferreiro, destacou que ‘Tecer para Crer’ “É unha forma de recoñecer uns oficios que por estaren desenvolvidos por mulleres estiveron durante moito tempo pouco documentados e apreciados”. Nesa liña, agradeceu “ás artesás que conservaran e transmitiran un saber que forma parte do noso patrimonio cultural”.

OBRADOIROS

De forma paralela á exposición, desenvolveranse obradoiros abertos ao público no que as persoas interesadas poderán coñecer diferentes técnicas e que teñen como obxectivo promover a incorporación de novos talentos e espertar o interese e a creatividade de persoas afeccionadas.

CENSO DE MULLERES ARTESÁS

Así mesmo, ‘Tecer para Crer’ quere ser punto de encontro  para a recollida de datos que completen o censo de mulleres artesás que exerceron ou, dalgún xeito, continúan traballando nalgunha das actividades de tecedura recoñecidas oficialmente como artesanais.

Francisca López, coordinadora do proxecto, sinalou na presentación que ‘Tecer para crer’ “é unha homenaxe ás pionieiras pero tamén é un punto de partida sobre o que impulsarnos para iniciar un camiño na procura de novas aplicacións e fórmulas de traballo, que respondan as inquedanzas das artesás pero tamén dunha sociedade que reclama cada vez con mais intensidade, un retorno á orixe”.

ÚLTIMAS

Os sanitarios do Hospital da Costa realizarán accións até seren atendidas as súas demandas

A Xunta de Persoal do Hospital da Costa convocou unha xuntanza este martes para...

Sargadelos ten de prazo ata despois do verán para mellorar a seguridade laboral

A dirección de Sargadelos ten ata despois do verán para mellorar a seguridade na...

A concelleira de Facenda de Foz denuncia a “demagoxia” do PP coas facturas

A concelleira de Facenda e voceira do goberno municipal de Foz, Inés López Couto,...

Piden catro anos de prisión por presunta estafa a un home “en situación de vulnerabilidade”

Unha muller de orixe portuguesa enfróntase a catro anos de prisión por, presuntamente, estafar...