InicioM.ambiente e PatrimonioO Pazo de San Isidro de Mondoñedo xa é BIC

O Pazo de San Isidro de Mondoñedo xa é BIC

O decreto da Xunta de Galicia protexe tamén o pombal situado fóra do recinto amurallado

Publicada o

- Advertisement -

O Pazo de San Isidro de Mondoñedo xa está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento. Así o recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe. O decreto da Xunta de Galicia inclúe tamén o pombal localizado na súa contorna de protección dentro do Catálogo do Patrimonio Cultural da comunidade.

A edificación actual do pazo -do século XVII- está no lugar de Couto do Outeiro, preto da ponte do Pasatempo, na parroquia de Nosa Señora do Carme. O arquitecto, Diego Ibáñez Pacheco, aproveitou as edificacións anteriores para apoiar a construción; a planta baixa é moito máis antiga ca o resto do inmoble, que é de orixe medieval. Entre os restos atopados no seu interior destaca unha pedra de xustiza que indica que o lugar tivo relación coa xurisdición civil e criminal. O edificio tivo diversos usos ao longo da historia: primeiro torre de xurisprudencia, despois convento das Concepcionistas e finalmente residencia.

Segundo o documento, “trátase dun pazo senlleiro, o máis sobresaínte do concello de Mondoñedo, que exemplifica a relación entre o edificio e o seu ambiente cultural e histórico”.

o edificio actual é do século Xvii e conta cunha capela fundada no 1664

O pazo conta con dous escudos, un situado na porta principal e outro no miradoiro, anterior á edificación actual. Consta dunha capela fundada no 1664, de planta rectangular e cunha superficie de case cen metros cadrados. O recinto do inmoble ten tamén un patio pechado, cun cruceiro no seu centro.

Fóra do recinto amurallado atópase o pombal, de planta circular e feito con muros de fábrica de cachotaría de pedra recebados no exterior. O decreto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria explica que tanto polas “súas dimensións como pola calidade da súa fábrica construtiva, debe identificarse dentro da contorna de protección do pazo como un ben catalogado cunha protección integral”. 

ÚLTIMAS

Ribadeo estrea ordenanza para regular o estacionamento das autocaravanas

A ordenanza reguladora do estacionamento de vehículos de acampada nace para velar polo turismo...

Cervo apoia ao CEIP Península da Paz nun novo plan de acción de Alcoa

O Concello de Cervo colaborou co CEIP Península da Paz e co persoal voluntario...

O Concello de Foz agrade a Transportes a licitación para a mellora na intersección da Corredoira

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, felicitouse este luns co anuncio da Demarcación de...

Alfoz celebra o XXXII Festival da Terceira Idade o 25 de outubro

O Concello de Alfoz celebrará o vindeiro domingo 25 de outubro o XXXII Festival...