“A historia repítese, empresas multinacionais que aproveitan a laxitude das leis e dos controis medioambientais e a complicidade de actores políticos para promover proxectos mineiros que causan danos irreversibles no entorno e na actividade económica da zona”. Quen fala así é Daniel Cando, da Plataforma Oro No que leva trece anos opoñéndose a diferentes intentos de explotar os recursos auríferos de Salave, en Tapia de Casariego, nunha zona gandeira á beira do Cantábrico, sobre un porto de baixura que prosperou creando un selo de calidade para o polbo, e preto dun dos poucos humedais de Asturias, os Lagos de Silva.
Preguntámoslle se se sente identificado cos colectivos que se mobilizan contra a reapertura da mina de cobre de Touro. “No fondo o problema é o mesmo. As persoas que vivimos nas zonas afectadas vémonos abocadas a tomar a iniciativa, a defendernos, porque os políticos non se moven. So o fan cando ven que perigan os votos. No noso caso concreto, os proxectos que se presentaron non tiñan encaixe legal, era evidente, pero aínda así, se nos o deixasemos pasar, seguro que se puñan en marcha”, engade o activista tapiego.
A Plataforma Oro No naceu da oposición vecinal á mina a ceo aberto que proxectaba Río Narcea Gold Mines en Salave en 2005
O xacemento de Salave –no que se conservan rastros da enxeñería mineira romana- foi obxecto de estudos e prospeccións por parte de diversas empresas durante a segunda metade do século pasado. Mais o interese das auríferas pousouse definitivamente sobre el no inicio do milenio coa irrupción de Río Narcea Gold Mines, que en 2005 propuxo un proxecto de explotación a ceo aberto que se atopou, primeiro, coa oposición da recen creada Plataforma e, logo, coa negativa do Principado de Asturias.
ALBERTO LAVANDEIRA
O presidente desa empresa –que tiña a súa sede en Asturias ata que foi absorbida por Lundin Mining e que foi titular das concesións de explotación de Corcoesto– era Alberto Lavandeira, agora conselleiro delegado de Atalaya Mining, a compañía que está detrás do intento de reabrir a mina de Touro. Como agora, o enxeñeiro galego –con experiencia en múltiples proxectos de desenvolvemento mineiro tamén fóra de España- era a cara máis visible da empresa para os medios de comunicación e para os veciños.
As formas e os nomes repítense no medio de complexas estruturas e operacións empresariais que teñen máis que ver coa lóxica da economía financeira que produtiva. Non é algo que poidamos dicir só dos casos de Touro e Salave. Responde á norma no que ten que ver co desenvolvemento de proxectos mineiros en todo o planeta.
“As empresas que fan os traballos de prospección e que se encargan de tramitar os proxectos de explotación son en realidade arietes das grandes multinacionais mineiras, fanlles o traballo sucio, desbrozan o terreo localmente para conseguir os papeis. Son compañías “júnior” que cotizan en bolsa, onde o seu valor depende das concesións e as autorizacións que conseguen. Logo son as grandes mineiras as que inxectan o capital para explotar os recursos”, continúa Daniel Cando.
PRESIÓN SOCIAL
Gañada a batalla contra o proxecto de Río Narcea Gold Mines, despois dalgúns anos de certa tranquilidade, a Plataforma tería que retomar as mobilizacións para defender “a terra” da “mina”, desta volta ante Astur Gold. A firma canadense presentou un plan de explotación novo, con “inconcrecións e omisións deliberadas” para obter o beneplácito do goberno autonómico pero, outra vez, a sociedade civil freou o proxecto.
“Seguimos tres liñas de acción, a moblización social –tratando de convencer, de argumentar, sen sinalar co dedo aos vecinos que estaban a favor do proxecto-, unha estratexia xudicial -pagando avogados especializados en temas medioambientais cos fondos recadados entre os socios-, e a presenza mediática. Iso fixérono moi ben en Touro, con esa gran manifestación en Santiago de Compostela que deu moita visibilidade á súa causa. Eso é o que preocupa aos que toman as decisións políticas”, incide o representante da Plataforma asturiana.
ORO NO contou co apoio de colectivos dos concellos veciños e organizacións ecoloxistas
Volvendo ao seu caso: “A mobilización social e as accións legais que emprendemos -chegando a denunciar a un Consejero por prevaricación- foi o que fixo que, no momento decisivo, a Comisión para Asuntos Medioambientais, cunha maioría de cargos políticos entre os seus membros, fixese caso dos informes técnicos da Confederación Hidrográfica e parasen o plan de Astur Gold”. A Comisión –que en 2012 fallara a favor de parte do proxecto- emitiiu unha Declaración de Impacto Ambiental negativo en decembro de 2014.
EMPREGOS A PREZO DE OURO
Antes da batalla legal, a Plataforma tivo que gañar a social na que a empresa “xogou forte” auspiciando a creación dunha asociación afín. A Plataforma conta aos detalles nun libro no que plasmaron a súa “loita en marcha”. Reescribimos un parágrafo de “El oro de Salave. Minería, especulación y resistencias”. “Asturgold anuncia, a mediados de decembro de 2010, que creará un colectivo ao que dará 200.000 accións da mina de ouro. Se as cousas van ben para a empresa, en función da bolsa, esas accións poderían alcanzar un valor entre dous e cinco millóns de euros (…) Veciños, empresarios, mozos e gandeiros formarán o grupo, que decidirá a que obras se destinarán as ganancias da explotación”.
A empresa astur gold aseguraba que a explotación mineira de salave crearía uns 850 empregos
“Prometíannos centos de postos de traballo para a xente da localidade, pero non contaban os que destruían na gandería, na pesca ou no turismo rural, nin que, aínda que fose unha cifra real –que non o era- sería durante os 10 anos de vida útil da explotación”, segue argumentando Daniel Cando.
NON BAIXAN A GARDA
A tenacidade da Plataforma Oro No non fixo que o interese das empresas mineiras no ouro de Salave decaese aínda. En xaneiro, coñecíase que Black Dragon Gold retomaba o proxecto de Astur Gold completando uns sondeos de prospeción autorizados hai tres anos.
“A zona está máis que sondeada, saben pefectamente o que hai pero estas manobras servenlles para publicitar a compañía, para xenerar expectativas en los mercados financieros. De feito, co anuncio, as súas accións rebotaron na bolsa”.
A Plaforma Oro No presentou unha demanda xudicial na que reclama a nulidade da prórroga da licenza concedida polo Ayuntamiento de Tapia de Casariego para que eses sondeos se realizasen. “Non terá efectos prácticos pero queremos deixar claro que non pasaremos nin unha”. Os membros da Plataforma están convencidos de que a empresa acabara presentando un plan mineiro para extraer o ouro de Salave. “Estarán traballando nel pero aprenderon dos erros dos anteriores que estaban todos os días nos xornais, e comprando vontades de forma tan descarada que a xente se deu conta da intención das súas manobras”.
O colectivo parece preparado para seguir defendendo a gandería, a pesca, o turismo e o medio natural ante outro intento de extraer o ouro. Sóbralles experiencia e quédanlles folgos.