InicioM.ambiente e PatrimonioO Museo das Minas da Silvarosa reivindica o rico pasado industrial de...

O Museo das Minas da Silvarosa reivindica o rico pasado industrial de Viveiro

Vídeos, fotografías, gravacións de cancións mineiras ou unha medalla ao mérito profesional compoñen a mostra, inaugurada este domingo nas escolas indianas de Vieiro

Publicada o

- Advertisement -

As antigas escolas de indianos de Vieiro acolleron este domingo a inauguración do museo mineiro Minas de Silvarosa, que servirá para poñer en valor o pasado industrial do municipio e lembrar a importancia social e económica da explotación, que funcionou desde o século XIX ata a segunda metade dos anos 60.

A asociación cultural Minas da Silvarosa, que preside Suso Oca, encargouse de financiar a pinacoteca, que expón parte do material compilado en trece anos de traballo. A mostra permanente inclúe fotografías, calendarios ou un regulamento de rexime interno que documenta ata 50 oficios relacionados coa explotación.

CANCIÓNS MINEIRAS

Ademais, exporanse varios vídeos, nos que se explican como eran as minas. Pero o museo aspira non só a ser unha experiencia visual para o visitante, senón tamén sonora. A agrupación compilou varias cancións populares de grupos afeccionados viveirenses que versan sobre a mina.

Unha das pezas máis singulares é unha medalla do mérito ao traballo, entregada a Francisco Arias García, natural de Vieiro.

DOUS SÉCULOS DE HISTORIA

Chama a atención que se condecorase a un paisano do municipio. A extracción de ferro en Viveiro para uso industrial comezou a principios do século XX, asociada ao alto forno de Sargadelos, o primeiro de España. Tralo ocaso da firma serían empresarios de Alemaña quenes retomarían a explotación, chamada daquela The Vivero Iron Ore.

Alemás ocupaban os postos altos, mentres que vascos, fundamentalmente, asturianos e leoneses exercían os cargos intermedios. A poboación viveirense encargábase dos traballos máis pesados. Un empresario vasco, Horacio Echevarrieta, tomaría o relevo dos xermanos nos anos 20, e a partir dos 50 a empresa estatal Ensidesa foi a responsable da súa explotación ata o peche, no 1967, nun contexto de ocaso da minería galega.

CASE MIL EMPREGOS

A importancia das Minas da Silvarosa para a economía municipal, da Mariña Lucense e Ortegal é indubidable. Nas mellores épocas, a explotación empregou a 300 traballadores directos, “e non esaxeramos nada se falamos do dobre indirectos, así que dependían dela arredor de mil postos de traballo“, expón Oca.

A súa dinamización económica botouse en falta en determinados períodos, como a Primeira Guerra Mundial. “Daquela parou a produción e houbo folgas, o impacto foi tremendo. Pensa que de 1.000 empregos se pasou a nada”, indica o presidente da asociación impulsora.

PARTICIPACIÓN DE VECIÑOS

Na inauguración do museo, á que acudiron á alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e representantes da Cámara Oficial Mineira de Galicia, participaron Lolo e Paquitadúas das persoas que tiveron empregos, directos ou indirectos, relacionados coas Minas da Silvarosa, que expuxeron as súas lembranzas.

Ademais, houbo unha lembranza para Melchor Roel, o finado alcalde de Viveiro que foi un dos colaboradores máis fieis da iniciativa.

HORARIOS POR DETERMINAR

Os horarios do museo, asegura Oca, determinaranse tralas eleccións municipais, momento no que a agrupación sentará a falar co goberno local. “A nosa intención é dinamizar, ser impulsores deste proxecto, pero a partir de ahí decidirá o regulamento o Concello: nós non contamos con persoal para mantelo aberto. Haberá que mirar como facer, aínda que o lóxico é que poida abrir nas fins de semana e en Semana Santa“, indica.

APERTURA DAS BOCAMINAS

A asociación Cultural Minas da Silvarosa botou a andar no 2006 e cumpriu este domingo o primeiro obxectivo. O segundo, máis ambicioso, é abrir ao público as dúas bocaminas existentes. “A idea é que o museo sexa unha primeira parada para ir ver o que queda da explotación”, precisa o presidente da agrupación.

Oca agarda que o proxecto poida ser unha realidade ao longo da vindeira lexislatura, para o que considera fundamental o apoio do Concello e doutras administracións. Namentres, o Museo das Minas da Silvarosa será un gorentoso aperitivo para aqueles que queiran coñecer o pasado industrial de Viveiro.

ÚLTIMAS

Fran Cajoto: “O PXOM aprobouse despois de esperar seis anos polos permisos de Augas de Galicia”

-Por que se tardou tanto en aprobar o PXOM de Foz? Houbo un cambio de...

Adolfo Corral: ‘O SERGAS di que a asistencia sanitaria na Mariña está garantida, nós dicimos que non é certo’

-Ademais do persoal que traballa no centro hospitalario de Burela, ás concentracións acoden tamén...

Foz celebra a Festa do Berberecho o sábado 26 de abril

O próximo sábado, día 26 de abril chega de novo a Festa do Berberecho...

Xebra! celebrará a presentación do libro ‘Diário comboio’ de Raquel Miragaia

O centro social Xebra! acolle este venres 25 de abril a presentación de 'Diário...