A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense vén de abrir novas datas para participar nos Obradoiros con Corazón, logo de que se esgotaran todas as prazas ás poucas horas de abrirse a inscrición. Esta proposta de lecer, que chega este ano á súa terceira edición cun gran éxito de participación, desenvólvese no contexto do produto turístico A Mariña Artesá que ten como principal obxectivo coñecer o xeodestino e poñer en valor a súa actividade artesanal a través de experiencias artesás inmersivas. A iniciativa, promovida pola Mancomunidade de Concellos da Mariña co apoio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, ten como principal novidade deste ano a colaboración na organización da Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña Lucense.
Neste caso a Mancomunidade e a Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña, como entidade colaboradora na organización, acordaron convocar novos obradoiros para os días 7, 8, 13, 14 e 15 de novembro para facilitar que todas as persoas que quedaron en lista de agarda poidan desfrutar destas actividades. As prazas que queden libres están abertas para que se inscriban todas as persoas interesadas, a través destes enlaces:
artesaniadamariña.com
amarinalucense.gal/gl/a-marina-obradoiros-con-corazon
As prazas son limitadas, xa que se trata de garantir unha experiencia próxima e personalizada na que os participantes poidan experimentar de maneira pausada e guiada. Os obradoiros terán un custo de entre 5€ e 10€ e a recadación será investida en accións de promoción da propia artesanía da Mariña.
Nesta edición o programa trasládase ao outono en lugar do verán, xa que o obxectivo é contribuír á desestacionalización turística e á dinamización da Mariña fóra da temporada alta. Así, amplíase e diversifícase a oferta turística e de ocio deste xeodestino durante os meses de menor afluencia, favorecendo a actividade estable do sector durante todo o ano; e ao mesmo tempo mellórase o coñecemento e a posta en valor deste recurso singular do territorio que é a artesanía, contribuíndo a un modelo turístico máis sostible, equilibrado e apegado ás persoas.
Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña
A principal novidade desta edición é a incorporación da Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña como entidade colaboradora na organización. Os artesáns e as artesás da Mariña colaboran coa Mancomunidade desde que se iniciou a actividade en torno á artesanía no ano 2011. Foi a raíz da implantación do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) e da Estratexia e Plan Operativo de Marketing da Mariña Lucense, no ano 2023, cando se fixo unha reflexión que permitiu revitalizar a súa actividade, impulsar a súa constitución oficial como asociación e promover a súa profesionalización ata convertese, na actualidade, nun produto turístico estruturado e sostible, centrado na experiencia, na identidade local e na participación activa do visitante.
2ª Convocatoria Programa de actividades Obradoiros con Corazón 2026
MONDOÑEDO – Sábado 7 de novembro 17:00 horas
Esquina Atlántica
Dende as Venus de arxila ata a maxia do torno de oleiro
Un percorrido pola cerámica a través de dúas das maneiras máis antigas de dar forma á arxila: as mans e o torno. Os asistentes comezarán modelando unha pequena figura inspirada nas Venus do Paleolítico, traballando directamente coa arxila e descubrindo técnicas sinxelas como os beliscos e os rolos.
Despois pasarán ao torno de oleiro para experimentar co movemento: aprenderán a centrar a arxila, abrila e facer medrar as paredes dunha peza. Non é necesaria experiencia previa; trátase de tocar, probar e comprender o oficio desde dentro.
Están incluídas a arxila, as ferramentas e o uso dos tornos. As pezas seleccionadas quedarán no obradoiro para secar e cocer e poderán recollerse ou enviarse unhas semanas despois.
RIBADEO – Domingo 8 de novembro 17:00 horas
Lucía Barro – Serendipia
Creación dun servilleteiro de cerámica decorado mediante a técnica do esgrafiado.
Neste obradoiro os asistentes crearán desde cero o seu propio servilleteiro de cerámica e poderán decoralo ao gusto mediante a técnica do esgrafiado. Traballarán sobre a superficie da arxila para crear debuxos, formas e texturas, retirando parte da capa superficial e facendo aparecer o deseño.
Non é necesaria experiencia previa: a actividade está pensada para achegarse á cerámica dunha maneira sinxela, creativa e moi persoal. Todos os materiais están incluídos e o obradoiro está dirixido a persoas a partir de 14 anos.
Ao rematar, as pezas quedarán no taller para completar o proceso de secado, cocción e esmaltado. Poderase recoller ou enviar o servilleteiro máis adiante, xa completamente rematado.
TRABADA – Venres 13 de novembro 16:00 horas
Lucía Catuxo Cerámica
Enmarcando a creatividade: crea o teu propio marco de cerámica para fotos ou espellos
Neste obradoiro as persoas asistentes crearán coas súas propias mans un marco de cerámica, pensado para colocar nel unha fotografía ou un espello. Partirán da arxila para darlle forma á peza e despois decorarán ao gusto, buscando un resultado persoal e diferente. A proposta está pensada para experimentar coa cerámica dunha maneira libre, gozar do contacto coa materia e descubrir como unha idea vai tomando forma pouco a pouco entre as mans.
Ao finalizar, a peza quedará no taller, xa que a cerámica necesita completar o seu proceso: primeiro deberá secar durante varios días e despois será cocida nun forno cerámico a 1.000 ºC. Poderá ser recollida ou enviada días máis tarde, unha vez rematada a cocción.
MONDOÑEDO – Sábado 14 novembro 17:00 horas
Artesanía do pasatempo
Kintsugi, a beleza da imperfección
O kintsugi é unha antiga técnica xaponesa de reparación da cerámica que, en lugar de ocultar unha rotura, destaca as súas cicatrices e convérteas en parte da beleza da peza. Neste obradoiro os participantes coñecerán brevemente a súa historia e esa maneira tan particular de entender a imperfección e o paso do tempo.
Despois reconstruirán unha peza rota, encaixando os fragmentos con paciencia e facendo visibles as unións mediante pigmento dourado. Traballarán cunha adaptación contemporánea do kintsugi tradicional, utilizando resinas modernas que permiten realizar o proceso durante o obradoiro.
Pódese levar unha pequena peza de cerámica rota á que se lle teña cariño ou empregar unha das que terán preparadas. Todos os materiais están incluídos.
VIVEIRO – Domingo 15 novembro 11:00 horas
Pura Garra
Caos Poético: obradoiro de creación de pendentes de madeira con transferencia de imaxes
Este é un obradoiro para crear uns pendentes de madeira deixando que a intuición forme parte do proceso. Os participantes comezarán escollendo as formas e combinando imaxes dunha selección preparada para crear pequenas composicións tipo colaxe. A partir de aí traballarán a madeira e aprenderán a transferir as imaxes á súa superficie. Poderán engadir detalles con pintura e probar diferentes acabados ata atopar o resultado que máis lles guste. Finalmente furarán e montarán as pezas para convertelas en pendentes.
Non se trata de repetir un modelo, senón de xogar coas imaxes, as formas e mesmo cos pequenos imprevistos do proceso. Ao rematar, levarán consigo uns pendentes únicos feitos por cada persoa.
