InicioM.ambiente e PatrimonioOurol e O Vicedo loitan contra os efectos da seca sobre as...

Ourol e O Vicedo loitan contra os efectos da seca sobre as producións gandeiras locais

Os concellos de Ourol e O Vicedo fan fronte ás consecuencias da falta de chuvia subministrando auga mediante motobombas e camións a depósitos privados e explotacións gandeiras que viron secar os seus mananciais.

Publicada o

- Advertisement -

 

A falta continuada de precipitacións está a deixar sentir a súa incidencia no interior e na costa da Mariña. Nos concellos de Ourol e O Vicedo, a seca afectou de maneira directa a mananciais e fontes privadas, o que obrigou a ambos os municipios a activar dispositivos de emerxencia para abastecer aos veciños e ás explotacións gandeiras prexudicadas.

O Vicedo: subministración a puntos concretos e control tecnolóxico

No Concello do Vicedo, a situación de seca non afectou ao conxunto da poboación nin requiriu cortes xerais no servizo municipal de auga nin a imposición de horarios de consumo restritivos. Non obstante, como explica a tenente de alcaldesa e alcaldesa en funcións, María Pilar Otero Ínsua, a seca si provocou o esgotamento de fontes e mananciais privados en puntos específicos.

Os casos máis destacados concéntranse na parroquia de Cabanas (no lugar da Amoá), onde unha explotación gandeira viu secar a súa fonte privada, e en Riobarba (no lugar do Chao), onde o manancial que abastecía un depósito para uso doméstico dunha vivenda tamén quedou sen auga.

Para paliar estas situacións específicas, o Concello do Vicedo distribúe auga transportando até dous depósitos móbiles de 1 000 litros cada un (sumando 2 500 litros de capacidade xunto cos medios de transporte) que son enchidos directamente nos depósitos privados dos afectados. Para realizar estes traslados, a administración local conta cunha pequena motobomba de Protección Civil de 500 litros de capacidade.

En canto ao seguimento da crise, o municipio xestiona e avalía o estado da rede e o gasto de auga a través dunha aplicación informática (Aquafyl) controlada pola persoa encargada. A través desta ferramenta monitorízase o consumo, aínda que se constata que na captación municipal o caudal que corre é moi reducido. Entre as medidas preventivas adoptadas con anterioridade, figurou o corte das duchas nas praias durante o verán para evitar o desbalde.

Respecto ao futuro, desde o goberno local do Vicedo sinalan que esta seca supón unha situación excepcional que non se lembraba entre a veciñanza de máis idade. Aínda que o concello dispón de depósitos municipais, realizar novas infraestruturas ou amplialas requiriría un forte investimento económico e o apoio de subvencións externas.

Ourol: apoio á gandaría extensiva

No concello de Ourol, a seca afectou principalmente ao sector gandeiro. Segundo detalla o seu alcalde, José Luis Pajón, a seca provocou a desecación de mananciais nas zonas de pasto, o que impactou directamente en varias explotacións de gandaría extensiva do municipio.

Para responder a esta necesidade, o Concello de Ourol emprega un camión motobomba propio cunha capacidade de 4 500 litros. O vehículo recarga auga directamente da rede municipal e trasládaa ata as distintas parcelas para encher os depósitos privados de 1 000 litros dos gandeiros. Polo xeral, cunha única viaxe conséguese cubrir a capacidade total que necesitan estas instalacións sen necesidade de repetir o traxecto no mesmo día.

A avaliación do impacto económico que realiza o concello céntrase no sobrecoste ao que teñen que facer fronte as explotacións. Ao estar os pastos secos e sen produción, os gandeiros vense na necesidade de alimentar ao gando coa forraxe e os rolos de herba que tiñan reservados para a tempada de inverno. A recente chegada de pequenas precipitacións e a humidade nocturna están a axudar a que os campos comecen a reverdecer lixeiramente, o que permite aliviar de xeito progresivo a presión sobre o alimento dos animais. Polo de agora, o Concello de Ourol non ten previsto acometer a construción de depósitos alternativos.

ÚLTIMAS

Aprobada por unanimidade a nova ordenanza reguladora do servizo de taxis de Ribadeo

O Concello de Ribadeo aprobou por unanimidade no pleno ordinario celebrado onte a aprobación...

O Foro Económico de Viveiro trasládase a xaneiro de 2027 pola convocatoria das eleccións xerais

A celebración do Foro Económico de Viveiro, que estaba programada inicialmente para finais deste...

As ANPA trasladan as necesidades dos centros educativos ao Concello de Viveiro

O Concello de Viveiro mantivo este luns unha reunión con representantes das asociacións de...

Apoio á folga do 11N desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña anunciou o seu apoio á...