A Xunta declarou en situación de seca prolongada os sistemas dos ríos Ulla-Tambre e da costa norte (que abrangue as comarcas de Ortegal e parte da Mariña lucense), ante a constatación dunha redución “drástica” das precipitacións e dos recursos hídricos naturais en ambas as zonas e tendo en conta as previsións meteorolóxicas.
Estes sistemas abranguen un total de 74 concellos da Coruña e Lugo. En concreto, o de Ulla-Tambre afecta Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Cerceda, Coristanco, Dodro, Frades, Lousame, Melide, Mesía, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Oroso, Outes, Padrón, O Pino, A Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Vilasantar, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín, Catoira, Dozón, A Estrada, Agolada, Lalín, Pontecesures, Rodeiro, Silleda, Valga e Vila de Cruces.
O sistema da costa norte abrangue Cedeira, Cerdido, Mañón, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, As Somozas, Cariño, Abadín, Alfoz do Castrodouro, Barreiros, Cervo, Foz, Xove, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Burela.
Ademais, mantén a situación de alerta por escaseza de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Anllóns e costa da Coruña até o límite con Arteixo, así como medidas equivalentes, sen chegar a declarala, no subsistema de Baiona.
O feito de que unha parte da demarcación hidrográfica entre oficialmente en seca prolongada non implica por si mesmo restricións nos usos e consumos de auga nestes concellos, pero si permite adaptar –cando proceda e coas garantías ambientais establecidas– o réxime de caudais ecolóxicos ás condicións e circunstancias excepcionais actuais.
“Á vista da evolución máis recente dos indicadores do protocolo da seca”, a Xunta indica que tamén acordou declarar a prealerta en catro novas unidades territoriais: río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona; costa de Pontevedra; río Umia e ría de Arousa marxe esquerda, e río Mero, Arteixo e ría da Coruña. Estas zonas súmanse ás cinco que xa estaban nesta fase: río Tambre e ría de Muros e Noia; río Grande, en Camariñas; río Mandeo e ría de Betanzos; río Landro e río Ouro, e Ferrol. Así o acordou este xoves a Oficina Técnica da Seca, presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández.
