Esta é a primeira prospección arqueolóxica que se realiza no Cabo de Burela?
Si, é a primeira. De feito é a primeira achega arqueolóxica, non soamente prospección e, daquela, nunca houbo intervencións arqueolóxicas neste neste castro. Aínda que este lugar é moi coñecido pola aparición do torques de ouro e a arracada. Mais foron achados totalmente casuais e non implicaron unha intervención directa.
Existen evidencias neste castro de ter sido expoliado ou ser obxecto de buscas ilegais?
Non o sabemos mais temos testemuños que falaron precisamente de pequenas sondaxes sen metodoloxía arqueolóxica por xente que buscaba simplemente obxectos nas murallas. Supoño que tamén, ao ser un castro no que apareceron as pezas nomeadas, iso debeu incentivar a busca irregular. Aínda así, é un castro ben conservado. Os parapetos están moi ben definidos e son dunhas proporcións grandes. Aquí a afección máis grande foi a construción da estrada que vai pola costa. A antiga liña de parapetos pode verse antes da construción da vía de comunicación grazas ao voo americano e outros voos históricos. Con todo, o importante aquí é termos un xacemento ben conservado. Este é o traballo que estamos a facer: documentar todas as estruturas que son visibles, ver como funciona tamén o que é a paisaxe cultural e a paisaxe histórica, porque moitas veces estamos sempre pendentes do que sería o xacemento da Idade do Ferro. Porén, neste espazo non soamente están eses elementos, están as terrazas medievais que se me constrúen despois e que enmascaran a forma do xacemento orixinal. A comprensión desa secuencia histórica na paisaxe é parte do que estamos documentando tamén.
Cal foi o motivo polo que non se fixeron excavacións logo de encontrar o torques e a arracada, porque non houbo un traballo serio de de arqueoloxía?
Iso é o que estamos a facer agora con metodoloxías como a que estamos empregando nós: prospeccións xeofísicas e demais, para darlle contexto á aparición deses elementos. O torques apareceu labrando a terra mais non se documentou exactamente o seu contexto, aínda que neste caso sabemos aproximadamente onde apareceu. A arqueoloxía de hoxe presta moitísima máis atención ao contexto que ao obxecto en si, porque tamén dá moitísima información, onde estaba exactamente o torques, se estaba nunha estrutura da Idade do Ferro, se estaba contra a muralla, se estaba escondido como parte dun tesouro, é dicir, non sabemos nada diso. Se se fixese este traballo naquel momento hoxe teríamos moita información.
Ben, agora quería che preguntar cal é a importancia que ten dentro do contexto da do resto dos castros da costa na Mariña?
É precipitado dicilo por ser esta a primeira achega. O que estamos vendo é un castro grande, con recintos fortificados impresionantes. Ten dous elementos que destacan moito, un é o que lle chaman As Tetas da Vinculeira, e que seguramente sexan pois dous torreóns defensivos e onde estaría a entrada principal do castro. Despois, o castro está emprazado nun sitio concreto, que neste caso é Cabo Burela, un sitio que funciona tamén como mirador. De feito, o castro en si ten no seu interior unha atalaia practicamente natural, con afloramentos graníticos. É un lugar, segundo di a xente moi especial en termos de pesca e marisqueo. O lugar ten moito percorrido e imos ver se durante os vindeiros anos podemos ir actuando sobre el.
Nese sentido, a que etapa histórica correspondería este castro? Era un castro, digamos, romanizado ou sen romanizar? Tendes noticia disto?
Non o sabemos. Realmente é moi difícil hoxe saberlo. Si sabemos que parece ser un castro da Idade do Ferro se atendemos a obxectos como o torques e a arracada. Tamén a súa estrutura defensiva parece máis ben un castro non da primeira Idade do Ferro, senón da segunda, dun segundo momento. Non sabemos nada sobre se a chegada da romanización chegou a el. Esa información podería terse cunha escavación arqueolóxica, nós sempre empregamos metodoloxías que a complementan mais non a substitúen. Con todo, o obxectivo é máis ben comprender a paisaxe, comprender as estruturas, a extensión e valorar a actividade que poida haber nos distintos recintos.
-Aínda que non se teña actuado aínda sobre este lugar, cales cres que poden ser os achados máis relevantes dunha intervención neste espazo?
Primeiro quero destacar o tipo de metodoloxías que estamos empregando, pois son novidosas no contexto do noroeste peninsular. Isto significa que estamos aprendendo a traballar con esas metodoloxías e iso é un valor por si mesmo. Ademais, isto pode abrir novas expectativas en canto futuras técnicas de prospección. Por outra parte, destacaría tamén o valor da paisaxe, o valor do espazo no que está emprazado o castro de Cabo Burela. Falamos dunha paisaxe cultural no que hai un xacemento mais temos un sistema de terrazas de cultivo tradicional seguramente moi antigas. Hai elementos asociados ao folclore, como a Pedra do Neno e tamén hai petróglifos asociados á contorna. Entón, eu penso que a riqueza, o valor que ten Cabo Burela vai moito máis alá do xacemento en si. O xacemento pode dar moitísimas sorpresas porque de feito está moi ben conservado.
-Xa falaches antes de novas metodoloxías na exploración deste espazo. Seriades pioneiros co uso destes métodos en Galicia?
Si, realmente levamos poucos anos con elas. A tecnoloxía estáse a desenvolver moito durante os últimos anos moitísimo con sensores aplicados en drones. Tamén está a prospección xeofísica, esa ten máis anos, mais tampouco ten unha tradición longa aquí en Galicia. Nese contexto cada ano aparecen novas ferramentas mellorando as anteriores. Desde o CSIC, concretamente o Instituto de Ciencias do Patrimonio, pois estamos moi vinculados ao desenvolvemento destas novas metodoloxías na arqueoloxía. De feito, nós, dentro do propio Instituto, somos o Laboratorio de Paisaxes Dixitais. E, precisamente, a nosa vocación é esta, traballar con novos métodos de ferramentas, tecnoloxías xeoespaciais, metodoloxías e técnicas non invasivas para facer documentación e análise das paisaxes culturais e arqueolóxicas.
