-Cal é a intención final deste roteiro sobre Flora organizado xunto coa Aula da UNED en Foz?
Eu xa levo máis dun ano facendo actividades coa UNED. Primeiro propuxen realizar estes roteiros intrepretativos da flora e fauna e a resposta foi positiva. A intención é mostrar o patrimonio natural que arredor noso nesta zona á xente que lle interesa e para que as persoas se familiaricen coas especies de flora. Isto serve tanto para coñecer as especies e tamén para potrexer todo este patrimonio natural arredor noso.
-Unha vez finalizado un roteiro cal sería o aspecto máis importante que leven aprendido as persoas participantes?
Como xa digo, apreciar os tesouros naturais da nosa zona e ter presente que coidando a natureza tamén nos coidamos nós. Importa algo menos que aprendan nomes de plantas, iso é algo complicado pois tamén lles digo nomes científicos para que se familiaricen con eses termos. Mais para min o realmente importante é que coñezan a importancia que ten para a natureza e máis para nós, pois formamos parte dela, e tamén conservar e coidar este patrimonio natural.
-Como presentaches esta proposta de roteiros á Aula da UNED e cal foi o elemento clave que permitiu a súa aceptación?
Eu sabía que levaban adiante actividades relacionadas coa contorna, palestras e presentacións tamén con interese na natureza. Ademais, eu realizara unha guía para o SEVA sobre plantas con flor de primavera do Valadouro. Xuntando todo isto, falei con Marta Muíña, da Aula da UNED en Foz, e comenteille sobre a posibilidade de levar adiante esta actividade de observación da flora e pareceulle moi ben. Logo falamos sobre facer máis actividades e propuxen facer o roteiro de interpretación da flora e aceptou. Logo fixemos algún roteiro sobre aves, un curso sobre plantas medicinais e ante o interese que espertan continuamos con estas actividades.
-Que ten de especial o campo da feira de Vilaronte para facer o roteiro sobre flora?
Todas as zonas son especiais para min e por iso tentamos levar os percorridos por diversos puntos da comarca para non repetirnos. Ademais, cando escollo unha zona para facer os roteiros busco áreas onde haxa espazo para deixar os vehículos, tamén que sexa un lugar chan para camiñar comodamente e que comprenda varios hábitats. Isto último significa que haxa bosques, plantación forestal, zona de campo, algún xardín e algunha horta e para que haxa diversidade de flora. Entre os lugares que visitamos está San Acisclo, Malates e tamén pola contorna da UNED.
-Describe o perfil das persoas que participan nesta actividade e cal é o interese.
Hai persoas que teñen un grande coñecemento sobre plantas e quere coñecer máis. Outra xente non sabe moito sobre plantas e vén aprender ademais de que gustan de camiñar e buscar novos roteiros noutras zonas. E por último está a xente que só busca dar unha volta e quere ir con outras persoas para facer un percorrido. Realmente hai varios perfís e as idades están entre os 40 ou 60 anos.
-Hai persoas que sendo da Mariña che teña dito: “coñezo esa planta mais non sei o nome” ou “non se chamaba doutra maneira?”.
Si, iso pasa en todos os roteiros, mesmo acabo sabendo nomes para a mesma planta porque en cada zona reciben un nome diferente. Por iso é frecuente que digan “os meus pais chamábanlle así, eu sabía que era para tal cousa”, sempre hai persoas que aporta nova información sobre plantas e animais.
-Cales son os resultados que recolliches con estes roteiros?
O número de persoas é estable, entre 15 e 20, e o resultado para min é bo. As persoas mostran moita curiosidade polos temas que abordamos.
-Que tipo de flora e plantas chaman máis a atención ás persoas asistentes?
As que máis chaman a atención neste tempo son as orquídeas, porque son de climas máis tropicais, e a xente acaba sorprendida da súa presenza. Realmente, se te paras a ver máis de cerca unha flor acaba por chamar moito a atención. Sobre especies podo dicir que temos moitas grazas ao clima deste lugar.
