-Desde o CEMMA cales credes que son as causas do varamento de mamíferos mariños na costa da comarca?
A maior parte das causas están relacionadas coas actividades humanas, máis que nada coa pesca. O problema está en que moitos animais aparecen xa descompostos e iso dificulta dar coa causa da morte, se é natural ou impacto de actividades humanas, dentro destas últimas poden ser colisións ou capturas accidentais. Na maior parte dos casos indentificamos que é a actividade pesqueira a causante desas mortes.
-A as enfermidades que causan morte nestes animais poden deberse ao plástico que hai na auga do mar?
Mesmo cando falamos de enfermidade sabemos que pode haber influencia humana a través de contaminantes e outras cuestións. Aínda así, é moi difícil de confirmar, certo que encontramos animais con caídas no seu sistema inmunolóxico mais non somos capaces de saber que cousa lles fai perder esa capacidade de defensa, polo de agora é difícil relacionar causa efecto. Realmente, pode pasar moito tempo entre que un animal sexa afectado por un contaminante até a súa morte, por iso é complicado relacionar esas dúas cousas.
-O uso de tecnoloxías como radar e outros elementos poden desviar estes animais das sús rutas, poden confundilos?
Os cetáceos teñen unha vida acústica, por tanto para eles sons teñen grande importancia e pode haber situacións onde haxa interferencias de orixe humana con consecuencias negativas para eles. Mais nós non relacionamos a mortandade destes mamíferos con nada relacionado coa acústica. É como se nós vivisemos xunto a unha fonte de ruído intenso e tivesemos que falar máis alto, con todo, existe a posibilidade de que a actividade humana afecte á acústica dos cetáceos mais para nós non ten relación coa mortandade que vemos en Galicia.
-Como se podería describir o comportamento dos humanos que realizan labores de pesca en relación con baleas, golfiños, etc.?
Humanos e cetáceos son competidores polos mesmos recursos, daquela hai unha colisión de intereses. O ser humano pesca onde está o alimento dos cetáceos e aí é onde se dá esa interacción con consecuencias mortais para estes seres vivos. Os métodos de pesca son moi agresivos e moi impactantes, sobre todo con algunhas especies. Dentro dese terreo non hai ningunha rectificación por parte do sector pesqueiro para reducir esa mortalidade.
-Segundo algunhas das informacións que temos, algunha balea ten varado morta na Mariña, en concreto, unha tiña a cola case seccionada por un palangre. Mesmo as artes de pesca selectivas teñen esas consecuencias negativas sobre estes animais?
Si, efectivamente. Artes como as nasas que só pescan polbo ou crustáceos, teoricamente non pescan ningunha especie que non sexan as indicadas, mais inciden de maneira negativa en especies como son as tartarugas de coiro, tiburóns pelegrín e baleas por seren moi vulnerables ás nasas e aos cabos das mesmas cando van nadando xunto á costa. Ese tipo de accidentes poderían ser rectificados, mais como din que a incidencia na fauna mariña é pequena, non se rectifica, sería un custo “moi grande” e non beneficiaría o sector da pesca.
-A costa da Mariña é un lugar con alta densidade de varamentos?
Non, a maior densidade está na área de costa con ventos sur-suroeste, basicamente a costa atlántica. Nesa zona eses son os ventos predominantes durante a maior parte do tempo, na Mariña danse cando hai ventos norte, por iso esta comarca non é o lugar onde se dea un gran número de cetáceos nas praias.
-Tedes noticias sobre se o grao de contaminación nas augas do mar na Mariña é moi elevado?
Non temos datos concretos da costa de Lugo mais si sabemos que a contaminación por lixo mariño sólido é moi ampla en toda a columna de auga. Nós recollemos tartarugas vivas e durante quince días defecan plásticos. Iso indica que toda esa columna de auga está chea de plásticos e outros obxectos que, dalgunha maneira, afectan a estas especies. Tirar un só plástico significa que botaría miles de anos aínda con esta situación de contaminación no mar. O problema, daquela, estaríase incrementando.
