InicioM.ambiente e PatrimonioXabier Pin, CEMMA: "É frecuente ver lobos mariños cinsentos no Cantábrico mais...

Xabier Pin, CEMMA: “É frecuente ver lobos mariños cinsentos no Cantábrico mais este non é o hábitat normal”

Publicada o

- Advertisement -

-Son frecuentes as chegadas de lobos mariños ás nosas costas?

O día 21 de decembro recibimos numerosos avisos. Un deles foi pola chegada dun lobo mariño que chegou a Burela, efectivamente, e tamén doutro que avistaron na zona de Ortigueira-Mañón. O caso de Burela, polas imaxes enviadas, era un cachorro de lobo mariño cinsento, esa é a especie. Son cachorros de dous ou tres meses nada máis. Por que tan novos? Porque esta especie ten os seus partos entre setembro e final de ano. As colonias de cría están polo norte de Europa, sobre todo Francia e Illas Británicas e durante a época de parto nacen milleiros de cachorros desta especie. O lobo mariño cinsento desteta de maneira moi precoz, é dicir, a nai abandona os cachorros ás catro ou cinco semanas para alimentarse, a consecuencia é un número enorme de cachorros esparexidos buscando comida. Esta dispersión máis o feito de ser inverno no mar cos consecuentes temporais e borrascas desvía moitos cachorros ás nosas costas.

-Son cachorros separados das súas mandas?

Esta especie non forma mandas normalmente. Podemos ver varios exemplares pola mesma zona, mais non é unha especie que forme grupos e vaian en común. Xa digo, cando nacen é unha eclosión de cachorros e moitos chegan traídos polas correntes do mar, por tanto, nin sequera dependen deles mesmos.

-Xa dixeches que nacen no Norte de Europa, mais ese é o único hábitat que teñen ou é todo o arco atlántico europeo?

Hai varias especies e as que nos afectan nacen todas no Norte de Europa, Illas Británicas e agora estanse expandindo pola costa atlántica francesa. Porén, é no Norte de Europa onde hai colonias inmensas de lobo mariño cinsento e lobo mariño común. Estas colonias cada vez son máis grandes debido á protección sobre estes animais. Aínda así, non é normal que esta especie chegue tan ao sur, o límite habitual é o sur da costa atlántica francesa, porén, todos os anos ocorre este fenómeno, ver exemplares no Cantábrico.

-Cal é a alimentación destes lobos cinsentos?

É moi variada, desde peixe, cefalópodos, luras ou crustáceos, son cazadoras e por iso teñen unha alimentación moi variada.

-Cal é o procedemento que se segue cando se avista un destes animais e acaba na costa?

Cando chega o inverno, o CEMMA facemos unha serie de campañas de divulgación para explicar á xente como debe actuar. Cando vemos un lobo mariño na praia ao mellor é porque está descansando, cousa moi habitual. Daquela, non debemos achegarnos a un lobo mariño, debemos levar os cans atados pois ultimamente vemos moitos destes cachorros con dentadas de can. Avistado este animal hai que chamar á Rede de Varamentos, ben a través do número da CEMMA ou do 112. Primeiro facemos unha observación, confirmar que especie é, condición corporal e o seu comportamento, pois se está descansando non actuariamos. Se presenta feridas ou condicións físicas moi baixas si actuamos e recolleriámolo para levalo ao noso centro de Nigrán. Aí é onde temos a nosa base para atender estes animais cando están feridos, enfermos ou aplicarlles tratamentos.

-Cales son os remedios que se lles aplican a estas criaturas cando son enviadas ao centro de Nigrán?

Un dos problemas que temos en Galicia é a falta de infraestruturas adaptadas para a recuperación da fauna mariña. Desta maneira, o que facemos é adaptar as instalacións para atender estes lobos mariños de pequeño tamaño ou tartarugas. Faise unha exploración veterinaria para coñecer os problemas que presenta, a partir de aí faise un diagnóstico e logo un tratamento. Este primeiro tratamento faise en Nigrán e logo, se todo vai ben, tamén temos a colaboración do Instituto Galego de Formación de Acuicultura, na Illa de Arousa, que nos facilitan instalacións máis grandes antes de soltalo ao mar.

ÚLTIMAS

Morre un home en Foz por un incendio nunha vivenda da localidade

Unha persoa perdeu a vida este xoves tras producirse un incendio nunha vivenda situada...

Burela colabora co Bal y Gay para unha nova cita coa música clásica

O Concello de Burela colabora un ano máis co Festival Bal y Gay para achegar ao municipio unha nova cita coa música clásica. O vindeiro venres 14...

Primeiro parte da AEMET sobre o día da eclipse: Ceos nubrados no Cantábrico e litoral galego, con choivas no leste

O 12 de agosto, día da eclipse solar, será unha xornada marcada por unha...

Ribadeo prevé un aumento de 1.000 habitantes coas 300 vivendas proxectadas no PIA

O alcalde, Dani Vega, dixo que “tanto o Concello como a Xunta estamos a...