O biólogo Daniel Prieto, da confraría de pescadores de Ribadeo, localizou durante unha mostraxe un exemplar de planaria (‘Postenterogonia orbicularis’), un verme que pon en alerta ao sector mexilloeiro xa que se trata dunha especie invasora e depredadora tanto deste molusco bivalvo como da ostra. En declaracións a Europa Press, Prieto explicou que levaba tempo realizando análises, tras o aviso do seu compañeiro Juan Trigo, do grupo de estudo do medio mariño (GEMM), que lle dixo “ollo aí pola proximidade”, unha vez que este verme foi localizado en Avilés.
Na ría de Ribadeo hai cultivo de mexillón na parte asturiana, e agora a constatación da presenza de planaria “pode chegar a ser un problema” para toda a comunidade, tanto desde o punto de vista da biodiversidade como desde o económico, destaca Prieto. É un verme orixinal de Nova Zelandia, “e se alí, onde é unha especie autóctona, causa danos aos moluscos, está por ver os que ocasiona aquí, onde é invasora”, resalta. Segundo este biólogo, Trigo, do GEMM, comunicoulle que agora “van empezar a facer mostraxes” na ría de Arousa, onde, ademais de numerosas bateas, “están a importar ostra de Francia”.
A XUNTA ASEGURA QUE NON EXISTE CONSTANCIA OFICIAL DESTE VERME
Pola súa banda, a Consellería do Mar afirmou que non existe constancia oficial da presenza en Galicia do verme invasor. Nunha resposta facilitada a Europa Press, o departamento que dirixe o conselleiro Alfonso Villares asegura que a Administración autonómica non tiña coñecemento ata a publicación en prensa deste domingo da presenza de exemplares de planaria (‘Postenterogonia orbicularis’) en augas galegas.
Engaden que, por mor desta publicación e tras recalcar que non se notificou o achado desta espeica “por parte do sector nin da comunidade científica”, a Consellería do Mar púxose en contacto co departamento de Medio Ambiente da Xunta que confirmou “que a especie non está incluída en ningún catálogo de especies exóticas invasoras”. “A Consellería do Mar realiza mostraxes constantes sobre todas as especies e, ata o momento, non se detectou a presenza de ‘Postenterogonia’ en ningunha das mostras”, conclúe a Xunta antes de engadir que “continuará atento á evolución da presenza e, no seu caso da evolución, desta especie” en augas galegas.