InicioM.ambiente e PatrimonioEstán en risco os restos arqueolóxicos da antiga mina de ouro na...

Están en risco os restos arqueolóxicos da antiga mina de ouro na Espiñeira, Foz?

O xacemento da Mina Romana de Foz centrou unha denuncia presentada por a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) polo posible impacto dunha mina de caolín cerca destes restos arqueolóxicos. Desde o Concello de Foz, unha das entidades denunciadas, aseguran que as primeiras noticias que recibiron sobre esta mina foi hai dúas décadas, cando cambiou de titularidade.

Publicada o

- Advertisement -

ADEGA presentou unha denuncia na Fiscalía Delegada de Medio Ambiente do TSXG “contra o Concello de Foz, o servizo territorial de Enerxía e Minas de Lugo e o servizo territorial de Patrimonio Cultural de Lugo. O motivo son as obras de extracción que realiza a empresa Euroarce nuns terreos sobre a Mina Romana de Foz, no lugar da Espiñeira. Este xacemento está catalogado no Patrimonio Cultural de Galicia e no PXOM de Foz baixo a referencia GA2701902. A explotación aberta actualmente é unha mina de caolín e, segundo o Concello de Foz, as queixas máis recentes en relación a esta mina foron as dun particular por queixas debido á circulación de camións por un camiño de titularidade da Deputación.

CANTEIRA DE CAOLÍN

A Mariña Patrimonio realizou varias indagacións até que confirmou que no lugar da Espiñeira, parroquia de Vilaronte (Foz) existían restos do que foi unha explotación aurífera romana. Logo disto, Mariña Patrimonio solicitou a catalogación deste espazo ademais de crear un perímetro de protección á Dirección Xeral de Patrimonio. Ademais diso, a parcela quedou incluída no PXOM de Foz. A inclusión deste lugar no PXOM permite unha garantía maior de seguridade, sinalan desde o Concello.

Actualmente, segundo denuncia ADEGA, a extracción de caolín estase a realizar dentro do perímetro de seguridade arredor do xacemento e sobre o mesmo xacemento. Mariña Patrimonio sinala que a canteira de caolín estaría activa en terreos colindantes cos xacementos arqueolóxicos.

Os permisos de explotación, segundo a información presentada por ADEGA, son do ano 1955. Porén, sinalan que os dereitos de explotación da canteira de caolín deberan estar caducados por falta de actividade mais isto non impediu que en 2000 a empresa titular, Basaturi, vendeu os seus dereitos cunha empresa intermediaria, Alvita, á compañía Euroarce. Durante o verán de 2022 comezaron as novas actividades de extracción.

Sobre este punto, os ecoloxistas acusan ás diferentes administracións competentes (Estado, Xunta e Concello) de permitir a actividade sen presentar un plan de impacto ambiental e outro de restauración do medio.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, sinala que durante anos o Concello non tivo noticias de movementos nesa canteira até novembro de 2021 cando se realizou o traspaso de propiedade. O Concello apunta ás consellerías de Industria e Cultura como realmente competentes no control da actividade extractiva.

“O PXOM recolle esta finca para que se respecte escrupulosamente as medidas de protección patrimoniais” sinala Cajoto. Doutra parte, tamén engade que nin por parte de Patrimonio nin da propia empresa se ten informado de danos sobre este xacemento, son Patrimonio e Industria os que fan o seguemento da actividade estractiva.

Vista da canteira de caolín na Espiñeira no Visor de Aproveitamentos Forestais da Xunta

XUNTA E EUROARCE

Desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, cuestionados sobre a situación da mina e o xacemento arqueolóxico responderon á AMX que “a mina conta cos permisos necesarios da Dirección Xeral de Patrimonio Cultura”. Tamén desde a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas da Consellería de Economía e Industria, a explotación mineira está activa e, segundo o expediente, fóra da mina romana.

A empresa Euroarce sinala nun comunicado que “‘Mina Begoña’ é unha concesión de explotación de caolín operada por Euroarce Caolines desde 2020 no término municipal de Foz que está activa desde hai décadas e que conta con todas as licenzas, permisos e autorizacións necesarias”.

BOE de 1985 coa solicitude dunha prospección arqueolóxica da empresa que explotaba ‘Mina Begoña’

Segundo resposta de Euroarce, en 2022 Euroarce Caolines pediu a un perito experto a prospección e análise arqueolóxica do terreo coa supervisión e autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo de Lugo).

O informe concluiu que “non se atoparon elementos de Patrimonio Cultural de interese nas zonas localizadas ao Leste, Sur e Oeste da explotación, quedando en dúbida as zonas ao Norte debido ao elevado grao de vexetación existente”.

En 2024 e “de forma voluntaria por parte de Euroarce Caolines”, a empresa solicitou un novo proxecto de prospección arqueolóxica para unha zona limítrofe coa actual explotación e verificar as dúbidas que a anterior prospección arqueolóxica non aclarara.

Tras a prospección realizada confírmase que na zona estudada “non se atoparon vestixios mineiros e culturais antigos” e por tanto, a zona onde se pretende realizar os labores de explotación é “totalmente compatible co Patrimonio Cultural” contando “con resolución favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de finais de 2024”.

A MINA DE OURO ROMANA, UN TESOURO ENTRE EUCALIPTOS E FELGOS

En 2013 os restos arqueolóxicos da mina de ouro romana na Espiñeira foron catalogados logo que Mariña Patrimonio estivese estudando a zona. Era una mina que usaba o sistema de canles de auga para a extracción do mineral precioso. O lugar estaba plantado de eucaliptos ademais de presentar a flora destes bosques como son os felgos (fentos) e outras plantas.

O sistema funcionaba mediante a creación de depósitos de auga que se enchían mediante canles que traían líquido de correntes de auga naturais. Os depósitos estaban na parte máis alta do lugar desde onde saían as correntes de auga que erosionaban o terreo.

A cantidade de ouro era ínfima e viña en forma de partículas similares a finas areas. Estas eran conducidas mediante un gran entramado de canalizacións cara as zonas máis baixas que rodean a mina, onde se decantaban as partículas auríferas polo seu maior peso. Estas partículas mesturábanse con mercurio, logo aplicábaselle calor e, finalmente, quedaba o prezado metal.

ÚLTIMAS

A alcaldesa de Barreiros pide aplicar o “Modelo Muras” para as compensacións polo parque eólico Mondigo

  A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, adiantou hoxe, tras coñecer o anuncio feito pola...

A ampliación do Hospital da Mariña avanza con 33,5 millóns e máis espazo en urxencias, UCI e consultas

O Hospital Público da Mariña continuará coa súa ampliación a través das fases 2...

Convenio entre Viveiro e Portos de Galicia para ordenar o tráfico na rúa Porto de Celeiro

O Concello de Viveiro e Portos de Galicia asinaron un convenio de colaboración...

Ribadeo contará cun novo solo residencial para 300 vivendas, a maioría protexidas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este luns a delimitación dun novo ámbito...