InicioM.ambiente e PatrimonioManuel Miranda, Mariña Patrimonio: "Co tempo faranse catas arqueolóxicas en Santo Estevo...

Manuel Miranda, Mariña Patrimonio: “Co tempo faranse catas arqueolóxicas en Santo Estevo do Ermo”

Fundación Eira da Xoana (ADEGA), Mariña Patrimonio e a Irmandade Santo Estevo conseguiron a finais de xuño mercar unha parcela veciña aos terreos da ermida de Santo Estevo do Ermo. O obxectivo era ampliar a área, o estudo arqueolóxico do lugar e de paso axudar a preservar a flora autóctona presente neste espazo, unha das últimas fragas de costa que quedan na Mariña.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal foi o interese detrás deste terreo xunto á ermida de Santo Estevo?

É un lugar moi interesante polo aspecto natural, aí consérvase unha fraga das poucas que quedan xunto ao mar na Mariña. Dentro hai moita variedade vexetal, pois os botánicos destacan a presenza dunha variedade moi ampla de felgos (fentos). Dúas especies están protexidos por ser moi escasos na Península, un deles parece que só na Mariña. Outro aspecto é a antiga igrexa. É un lugar onde hai unha fervenza e dúas fontes, isto vén a que Santo Estevo do Ermo é tamén coñecido como Santo Estevo de Augasantas. Unha das fontes para sandar problemas de pel como as rosas da cara (rosáceas). Este tipo de ritual de curación por auga dise que é moi anterior ao cristianismo e ese tipo de fontes curativas hainas por toda a Europa Atlántica.

-Arredor destas fontes e a fervenza desenvolvéronse despois mitos ou lendas?

Estaban os encantos e as mouras tamén relacionadas coas augas. Por outra parte, temos a presenza dunha igrexa rupestre ou semirrupestre encaixada no oco dunha rocha. Este tipo de construcións erguíanse en áreas moi apartadas, moi lonxe dos lugares habitados, en ‘ermos’. Na Península Ibérica hai moitas destas igrexas primitivas, seguramente dos primeiros cristianos chegados á Península. Serían necesarias catas arqueolóxicas para confirmar este punto. En tal caso, serían lugares onde se realizaban rituais anteriores ao cristianismo e que logo foron cristianizados.

-Había persoas que coidaran desta capela ou centro de culto naquela época?

Sábese pola documentación encontrada que había ermitás, mulleres que atendían á antiga capela. Isto é algo moi estraño, existen moi poucos rexistros sobre este fenómeno, algo que lle dá máis interese ao lugar. Nas antigas relixións relacionadas coas augas quen levaba o papel sacerdotal eran mulleres. Na tradición oral aparecen os contos das “mouras” quen facían encantos ou feitizos.

-Que sucedeu entón cos terreos que se mercaron?

Eran unha propiedade particular onde se tiña documentada a existencia dun cemiterio, os últimos enterros están documentados. No seu momento os terreos foron repoboados con eucaliptos e cando foron cortados houbo que abrir unha vía de saca (pista forestal). Esa vía cortou o cemiterio e así apareceron tumbas medievais que aínda se seguen vendo. Descoñécese a antigüidade. Tamén apareceu un cuncheiro onde había cunchas de ostras, ósos e restos de cerámica. Os propietarios quixeron vendelo mais ao ser un lugar catalogado os compradores tiveron problemas para cortar os eucaliptos e non podían replantar. A Irmandade de Santo Estevo tentou falar co propietario para poder mercar o terreo mais non houbo un acordo. Logo soubemos que o propietario estaba interesado en vender o terreo e o prezo non era esaxerado. Fundación Eira da Xoana (ADEGA), Mariña Patrimonio e a Irmandade Santo Estevo conseguiron recadar os fondos para mercar o terreo cunha campaña. En menos dun mes conseguimos os 6.000 euros que custou e logo houbo que delimitar ben os límites.

-Cales son as intencións agora que o terreo xa está comprado?

Esta semana presentamos toda a documentación necesaria en Patrimonio para realizar unhas catas, cun orzamento baixo grazas a fondos dunha subvención da Deputación de Lugo. Con iso queremos facer unha sondaxe para ver que resultados temos, e logo o ano que vén fariamos unha sondaxe máis grande. Cortaremos os eucaliptos e logo intentaremos recuperar a vexetación propia do lugar. Logo, no cemiterio, no cuncheiro e na vella ermida intentarase sacar a máxima información posible para saber desde cando hai culto nese lugar.

ÚLTIMAS

Burela acolle cursos formativos para persoas estranxeiras e a preparación de probas oficiais

Burela acollerá dous cursos formativos dirixidos a persoas estranxeiras, organizados por Ecos do Sur....

ACISA integra hoxe os negocios da Praza de Abastos logo do acordo entre patronal local e Asociación de Praceiros

Acisa integra dende hoxe á Praza de Abastos de Ribadeo, tras a sinatura do...

O comité de empresa de Alcoa reclama unha reunión co Goberno ante a situación do sector do aluminio

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, pide unha reunión...

Conferencia ‘A cova de San Xoán Vello: novas achegas desde a arqueoloxía’ en Viveiro

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro mércores 22 de abril, ás 20:00 horas, na...